
A gaiteira animou a espallar o galego no pregón da Estrada, onde o Concello reivindicou un Día das Letras para García Barros, mentres en Lalín a data se festexou co seu popular Serán
18 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.As Letras Galegas festexáronse este martes en toda a zona con actos culturais e lúdicos en distintos formatos, aínda que a choiva frustrou algúns deles. Un dos máis sobranceiros foi o que tivo lugar na Estrada, protagonizado pola gaiteira Susana Seivane. A intérprete foi a encargada de ler o pregón, que se trasladou ao teatro Principal por mor do mal tempo. O presentador do acto, Xosé Lueiro, dixo dela que «fai da gaita unha arma de construción masiva» capaz de facer xermolar o amor pola lingua e pola terra alá por onde se escoita.
Seivane declarouse feliz por ser elixida para ler o pregón nunha vila na que xa ten actuado en máis dunha ocasión. «Non imaxino un día máis fermoso para estar con vós», dixo antes de gabar a iniciativa estradense de dedicar a Rúa da Cultura á memoria dos autores da terra. Susana Seivane falou das súas orixes —é filla de pai galego e nai andaluza— e da súa infancia en Barcelona, onde viviu ata os 10 anos, co seu pai como único bastión galego irradiando o seu amor pola lingua e por Galicia. Daquela, Seivane non falaba ben galego, pero «tiña o máis importante, unha inclinación natural pola nosa lingua». «O peor idioma é o que non se fala», constatou. Tralo asentamento en Galicia, Susana empapouse de galeguidade. No 1999 editou o seu primeiro disco e en pouco tempo converteuse en referente internacional da música galega. «Penso, falo, canto, escribo e soño en galego e estou moi orgullosa de levar o galego polo mundo», asegurou. «Non poñamos cancelas ao idioma. Lancémolo polo mundo fachendosos», pediu ao seu auditorio antes de rematar interpretando unha peza.
O alcalde da Estrada, Xosé López, tamén tomou a palabra para agradecer a presenza na Estrada de Seivane, «unha das mellores embaixadoras da lingua» e para aplaudir a traxectoria do autor homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán, ao que se referiu como «xornaleiro da lingua». López tamén aproveitou a ocasión para reivindicar un Día das Letras Galegas para o autor estradense Manuel García Barros, Ken Keirades. «Esperemos que máis pronto que tarde se lle dedique», desexou. De momento, hoxe ás 12.00 horas inaugúrase unha mostra sobre a vida, obra e pensamento do autor no instituto estradense ao que lle da nome.
A Banda de Gaitas de Barbude pechou os actos da mañá coa interpretación de varias pezas, entre elas o Himno Galego. Non obstante, a celebración estradense das Letras Galegas culminou pola tarde cun concerto da Banda de Música Municipal na que se estrou a Muiñeira so Salmón, do compositor e músico estradense Simón Couceiro.
A data tamén se festexou na Estrada con algunha iniciativa empresarial, como a da pastelería Mimela, que onte lle puxo un toque galeguista aos seus pasteis, con carteis de chocolate felicitando o 17 de maio.
Próximas citas
As actividades conmemorativas non remataron onte. En Silleda ten lugar hoxe ás 17.30 horas na biblioteca municipal un obradoiro de confección de libros e durante o que resta de mes haberá unha mostra sobre Florencio Delgado Gurriarán. Ademais, o vindeiro luns 23 de maio chega ao CEIP Pío Cabanillas de Dozón o espectáculo De Valdeorras a México. Terra a Nosa.