Neira Vilas brilla con forza no seu día

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA, LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

A data festexouse coa entrega do premio de novela e actos en colexios e IES

04 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Día 3 de novembro. Cumpreanos do escritor Xosé Neira Vilas. De estar vivo, o célebre autor das Memorias dun neno labrego cumpriría 94 anos. Neira Vilas celebrou no 2015 o seu último aniversario, pero desde entón a Fundación que leva o seu nome traballa a reo para difundir a súa figura e a súa obra e para consolidalo como merece entre os autores inmortais da lingua galega.

 Coincidindo co día de nacemento do escritor o Concello de Vila de Cruces —de onde era orixinario o escritor— institucionalizou o Día de Neira Vilas e a Consellería de Cultura, a petición da Fundación, converteu o 3 de novembro no Día do Lector e da Lectura.

Desde entón, cada 3 de novembro, os actos de homenaxe a Neira Vilas van medrando, espallando o seu legado especialmente entre a comunidade educativa, para a que o autor estivo sempre dispoñible.

Neste marco celebráronse este xoves tres actos entrañables na comarca de Deza e Tabeirós-Montes. A rolda de homenaxes comezou no IES Manuel García Barros da Estrada, onde Neira Vilas estivera no 2010 convidado polo mestre Carlos Loureiro, que entón impartía Literatura Galega do Século XX e convidaba ao alumnado a facer historia entrevistando a autores vivos. Neira Vilas foi un deles. A oliveira que plantou aquel día foi onte identificada cunha placa que di: «Son unha oliveira de aldea. Plantoume o 5 de maio de 2010 X. Neira Vilas». A alumna Alba Campos leu fragmentos do libro Memorias dun neno labrego e do dietario no que Neira Vilas deixou constancia daquela visita.

 O CEIP do Foxo tamén recibiu onte a visita do presidente da Fundación Neira Vilas, onde o escritor tamén plantara unha gardenia, onde da nome á biblioteca e onde onte se festexou o aniversario con poesía, música de Manoele de Felisa e solta de globos.

Xa pola tarde, a Fundación Neira Vilas celebrou na súa sede de Gres a entrega a Álvaro Domínguez do premio de novela curta Xosé Neira Vilas e a inauguración da exposición das ilustracións orixinais de Belén Rodríguez para o libro O cabaliño do demo, que tamén se leu no acto.

 A Xunta, pola súa banda, tamén conmemorou a data coa presentación do documental Os camiños do neno labrego.