Pepe Carballude presenta hoxe venres na Estrada a súa obra «En terra allea»
09 ene 2025 . Actualizado a las 19:58 h.Pepe Carballude (Rubín, 1956) acaba de lanzar un novo libro. Leva por título En terra allea e é unha historia de ficción que toca o problema da emigración. O autor, que ten ás súas costas máis de corenta libros —aínda que xa perdeu a conta do número exacto—, volve publicar na editorial Galaxia, na colección Costa Oeste. Carballude está especializado na literatura infantil e xuvenil, pero desta volta aposta por unha novela para todas as idades. «Quería que convidara á lectura ao público xuvenil pero tamén ao adulto. A literatura debe valer para todos os públicos. O tema que se trata é de tremenda actualidade. Conta a historia dunha muller venezolana que vén vivir a Galicia coa súa filla», avanza o escritor. «A partir de aí tócanse moitos dramas asociados á emigración: a explotación laboral, os problemas para atopar vivenda, os enganos, os abusos e a axuda da boa xente das oenegués que dedica tempo do seu tempo a todos estes problemas», conta.
Segundo explica o autor, moitos dos feitos que se narran na novela, por incrible que poida parecer, parten de feitos reais. «Por exemplo, cando se fala da explotación, de inmigrantes aos que, aproveitándose da súa situación, os que os contratan lle queren pagar con comida. Son explotacións reais. Como a dunha moza que contrataron para traballar nunha casa pagándolle a dous euros a hora e lle mandaban ir incluso os domingos a facer as camas», explica Pepe Carballude.
O libro agocha unha pequena homenaxe do autor a todos os curas rurales que lle abriron portas á cultura a moitos nenos do mundo rural no século pasado.
Homenaxe aos curas rurales
«É unha homenaxe, en especial, ao que foi cura de Callobre, Xesús López Fernández, un home netamente intelectual que ía dar clase ao Seminario no se Dous Cabalos. Para min foi como un segundo pai. Abriume a súa excelente biblioteca e na carreira prestoume libros caros que eu daquela non podía mercar. El e outros como Jesús Mayo Brenlla botaron a andar cooperativas, teleclubes e locais parroquiais vitaispara a mocidade dos anos 60 ou 70», explica.
A imaxinación como refuxio
Pepe Carballude, que vive en Santa Cruz (Oleiros), exerceu como profesor de Latín en Carballo e Oleiros e, ao xubilarse no 2016 atopou na literatura o seu mellor refuxio. «Cando aprobei a oposición alá nos anos 80 atopei na escritura o complemento perfecto para desconectar da docencia. Fora finalista do premio Barco de Vapor co libro Os Gazafellos e quedei enganchado. Despois, cando me xubilei, xa dixen: ‘Esta é a miña!'. Ler, escribir e de vez en cando facer algunha viaxe. É o mellor que hai», di.
Presentación no Mome
O escritor presentará En terra allea este venres día 10 de xaneiro ás oito da tarde na Casa das Letras da Estrada, nun acto no que estará acompañado do director xeral da Lingua, Valentín García; o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o actor Gonzalo Valcárcel, entre outros.