
A Estrada acolleu a entrega dos premios á normalización ó clube de fútbol gaélico Irmandinhos, a cooperativa Feiraco e o doutor Gómez Segade
25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O teatro Principal da Estrada acolleu onte a gala de entrega dos premios San Martiño á normalización lingüística, convocados pola asociación cultural O Brado. Este ano o recoñecemento ó compromiso co uso do galego foi, a nivel comarcal, para o clube estradense de fútbol gaélico Irmandinhos. A nivel galego, para a cooperativa Feiraco. O premio a toda unha vida de compromiso recaeu no doutor en Dereito da USC José Antonio Gómez Segade.
O premio para os Irmandinhos foi recollido polo presidente do clube, Ramón Codesido. Codesido destacou que, para o colectivo «foi un premio absolutamente inesperado». «A nosa difusión do galego é a nosa forma de traballar, é algo natural», declarou. Nun breve discurso, Codesido limitouse a lle dar as grazas ó colectivo O Brado e prometeu seguir na mesma liña de compromiso co galego «porque non coñecemos outra».
A cooperativa Feiraco acadou o premio á normalización no ámbito galego, destacándose o seu compromiso co desenvolvemento do medio rural e a súa aposta pola innovación e a calidade.
O galardón foi recollido polo presidente da cooperativa, José Montes. Na mesma liña que o clube Irmandinhos, o empresario non se veu merecedor do premio, aínda que valorou a concesión «por se pode ser motivo para que outros sigan o noso camiño».
José Montes asegurou que o premio «nos estimula e anima» para seguir a traballar na mesma liña que ata o de agora. Segundo explicou, a cooperativa Feiraco prioriza, por riba de todo a saúde, a trazabilidade e a calidade do leite. Pero á par tamén aposta forte pola vinculación coa sociedade galega. Este vencello faise patente na presentación dos produtos en galego e nas campañas de identificación coa cultura e a tradición galega. Neste eido Montes citou dúas accións: os envases especiais que se crean para o Entroido e a campaña das Letras Galegas, que neste ano 2015 dou difusión á figura de Filgueira Valverde. Tamén os concursos como o que hai pouco popularizou o eslogan «A letra con leite entra».
O licenciado e doutor en Dereito da USC José Antonio Gómez Segade, que acadou o premio San Martiño por contribuír á normalización do idioma galego durante toda unha vida, tampouco se veu merecente. Destacou que o galego é para el o natural, e que natural é falalo o mesmo na taberna que na facultade. Gómez Segade falou en clave de sentimentos. Declarouse emocionado co premio, triste pola xente que sente vergoña por falar no seu idioma e, sobre todo, coa esperanza de que o galego se siga falando por moitas primaveras.