Unha unidade didáctica rescatará do esquecemento a Avelina Valladares

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

R. G.

Reivindica á autora como figura do Rexurdimento, articulista e feminista

18 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada celebra este 2025 o Ano Cultural Avelina Valladares disposta a saldar a débeda histórica que ten coa artista. Irmá de Marcial Valladares —autor da primeira novela galega e do primeiro diccionario galego-castelán—, Avelina, a pesares de ser unha muller adiantada ao seu tempo, viviu sempre á sombra do seu irmán.

Para repoñer o agravio, o Concello da Estrada, coincidindo co bicentenario do seu nacemento, está impulsando unha programación chea de actividades de difusión da figura e a obra de Avelina Valladares Núñez.

Nese marco, unha das actuacións máis importantes é a elaboración dunha unidade didáctica sobre Avelina Valladares que acaba de poñerse a disposición dos institutos locais para animar ao profesorado a incluir á autora dentro dos seus programas educativos. A unidade didáctica, elaborada por G-Ciencia, foi presentada este martes ante unha representación de profesores e alumnos estradenses. Pola parte docente ao acto asistiron Xabier Camba (IES Antón Losada Diéguez), María López (IES Manuel García Barros) e Beatriz Quintela (IES Avelina Valladares).

A presentación da unidade didáctica correu a cargo de Laura Filloy, xornalista estradense que nos últimos anos ten afondado sobre a figura de Avelina Valladares. Segundo explicou, a unidade está deseñada para alumnos de primeiro e segundo curso da ESO, aínda que sería facilmente adaptable e moi pertinente tamén para traballar con cursos superiores de Secundaria e incluso cos últimos de Primaria.

A unidade componse de seis sesións de 50 minutos que buscan resarcir a débeda histórica e dar a coñecer a figura de Avelina Valladares entre os mozos.

A primeira das sesións está centrada na biografía de Avelina Valladares, con «grandes penurias familiares, que non económicas» que marcaron a súa existencia. Avelina entregouse á familia crendo que a súa obra non era merecedora de mérito e deixou que toda a sona recaese no seu irmán Marcial. Sen embargo, Avelina cultivou a poesía, debuxou, compuxo música e foi das primeiras mulleres en escribir artigos en prensa. Rompeu moldes. A primeira sesión da unidade didáctica propón facer unha chuvia de ideas sobre a autora.

Na segunda sesión abórdase a faceta máis coñecida de Avelina, a de poeta, a través da análise do seu poema A Ulla, unha das composicións que máis definen á denominada Cantora da Ulla.

O papel da estradense como xornalista tócase na terceira sesión, a través do seu artigo El ochavo milagroso (1885). Avelina Valladares puidera ser a primeira muller en publicar na prensa escrita. O seu artigo da pé ademais para falar da pseudociencia á que ela, a pesares de ser unha muller conservadora, xa se opoñía na súa época.

Na cuarta das sesión proponse unha análise da situación do galego e reivindícase a Avelina como figura do Rexurdimento. Deixounos cinco pezas. A unidade aposta por analizar Diálogo entre un peregrino e un labrego polo seu interese para abordar ademais o tema da diglosia.

A quinta sesión pon o foco na Avelina feminista. «Rompeu moldes como fixeron Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, pero ela caeu no esquecemento», dixo Filloy.

Un rostro para Avelina

Por último, a sexta sesión fala da Muller sen rostro e propón unha actividade creativa. Avelina nunca quixo ser retratada nin fotografada. Dela só temos un debuxo imaxinado por Rosa de Cabanas. A unidade didáctica proponlle ao alumnado que imaxine cómo era o rostro de Avelina Valladares.

A unidade didáctica —que deixa fóra outras facetas da autora como as de apaixonada da música ou amante da botánica, por ser inabarcable todo— pretende espertar no alumnado unha reflexión crítica a partir desta figura envolta na néboa.