Sabor Labrego, exaltando os produtos das terras de Camba

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

MARCOS MÍGUEZ

A iniciativa, que nace no seo do goberno, busca dar a coñecer o sector primario cunha primeira xornada este domingo

18 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñer en valor e potenciar o sector lácteo e da carne de Rodeiro é un dos obxectivos polos que o goberno bipartito veu deseñando unha iniciativa, que se referenciará por vez primeira o 19 de maio, baixo o nome de Sabor Labrego. «Temos un sector primario moi potente, que ten tamén as súas necesidades polo que buscamos botarlle un man, pero tamén se elaboran e se transforman produtos e é preciso poñelos en valor e potencialos», así argumentou o tenente de alcalde de Rodeiro, Alberte Lamazares, a posta en marcha deste proxecto.

Conscientes, e perfectos coñecedores, de que produtos transformados na comarca acadaron prestixio, recoñecementos e premios a nivel estatal, queren facer o mesmo con moitos produtos das terras de Camba. «Contamos cun territorio produtivo e de calidade, moitas familias do municipio xa están transformando os seus produtos pero a xente non o sabe, e aí é onde temos que actuar», apunta Lamazares. Así o próximo domingo, 19 de maio, Rodeiro acollerá un encontro con gandeiros de carne; no que se abordarán cuestións relacionadas co sector, para dar paso á inauguración dunha exposición e degustación de produtos da comarca; «haberá capón de Vila de Cruces, queixos da zona, viño elaborado en Rodeiro,...

Nesta primeira edición só serán produtos do Deza, pero en vindeiros anos xa se estudará a posibilidade de que participen expositores doutras zonas», engadiu o tenente de alcalde. Un día de festa no que non faltará o pregón, que correrá a cargo do presidente da Deputación, Luís López, que artellou cambios na axenda para poder estar en Camba ao mediodía, según explicou Lamazares que agradeceu o xesto do político de Camba; «estamos orgullosos de que puidese adecuar a xornada en que tiña un acto en Madrid para poder estar en Rodeiro, e impulsar este evento que traballaremos para que se poida manter no tempo, pensando xa nunha poxa de novillas de Rubia Galega para outubro».

Cunha degustación de chuletóns nos establecementos locais de hostalaría, para o que é preciso facer reserva previa para disfrutar dos menús, e que nalgún caso xa colgaron o cartel de completo, pecharase esa xornada. A cativada do colexio do municipio recibirá con anterioridade, ao longo desa mesma semana, información sobre a transformación de produtos. «A través da firma Kalekoi explicarémoslle aos rapaces que o medio rural ten posibilidades, e que temos que sentirnos orgullosos de que moitos pais e nais do municipio vivan do sector primario», comentou.