
Tomé reivindica a política de feitos e avanza que se vai rematar a rolda urbana
26 may 2023 . Actualizado a las 12:59 h.A política ten moitas idas e voltas. En xuño do 2011, José Tomé facía pública a súa renuncia á acta de deputado autonómico. No PSOE déranlle a elixir entre concelleiro en Monforte ou parlamentario en Santiago. Volveu centrarse na vida municipal e catro anos e dous días despois tomaba posesión como alcalde de Monforte. «Foi unha decisión complexa. Non era unha obriga legal, senón unha norma interna do partido. Pero acertei plenamente», comenta agora inmerso nunha nova campaña. A entrevista é no despacho da alcaldía, cheo de carpetas e proxectos rematados, en curso ou aínda por cociñar. Neste ano, segundo avanza na conversa, vaise firmar o convenio co Ministerio de Transportes para completar a rolda urbana entre a rúa Ourense á N-120.
—¿Demasiadas promesas durante as campañas?
—Cando teño reunións nas parroquias, con asociacións ou con entidades, escoito moitas veces o comentario de que este alcalde cumpre o que di. Cando se promete unha cousa hai que facela, como fixen ao longo destes oito anos. Se non se pode por algunha circunstancia, hai que explicalo para que a xente o saiba. Nas xestións para completar a rolda urbana estamos case no final, poden quedar dous ou tres meses para firmar o convenio co Ministerio de Transportes. Son 1.200 metros, pero ten un custo de 7,5 millóns de euros. Hai que facer pontes sobre o río, a estrada de Sober e a vía do tren. O convenio leva aparellada a mellora da recta da estrada de Distriz. As cunetas quedaron moi perigosas e hai que rematar as sendas laterais.
—A oposición non se cre o anuncio sobre a praia fluvial.
—É unha área recreativa, un complexo turístico con diferentes servizos no que haberá unha praia fluvial. Xa non é unha promesa, vai camiño de ser realidade. Está aprobado iniciar o procedemento para elaborar as bases de licitación do plan especial que hai que facer, en cumprimento da lei, ao tratarse de solo rústico onde se vai facer unha dotación pública. Se nós seguimos gobernando, non ten marcha atrás.
—E o financiamento? Son cinco millóns e medio.
—Non vai haber problema.
—Que xestión elixiría como marca do seu goberno municipal?
—Prefiro falar dun conxunto de medidas. A chegada de empresas, a transformación urbana de Monforte, a mellora das pistas no rural... No saneamento fixéronse melloras e está iniciado o procedemento da súa mellora integral para o futuro. Das avarías da auga falouse moito, pero tivo que chegar este goberno para que se renovase a condución xeral. Urbanizáronse áreas selváticas como a zona C e potenciáronse todas as festas. Tamén estou moi satisfeito da gratuidade do bus urbano, que pasou de 5.000 a máis de 50.000 viaxeiros anuais. Por certo, se temos de novo a confianza dos monfortinos imos poñer en marcha un transporte público gratuíto ás parroquias. Todas van ter un día á semana no que poidan ir de mañá a Monforte para o que necesiten e estar de volta ao mediodía.
—Aspira ao terceiro mandato consecutivo. ¿Ten ganas de seguir ou dáse por satisfeito?
—Non teño data de caducidade, a caducidade vanma poñer os veciños. Monforte deume case todo e llo quero devolver traballando para que siga nunha liña ascendente. Somos a segunda cidade da provincia e un referente do interior de Galicia. Abel Caballero ten máis anos ca min e di que lle quedan 25 de alcalde.
—As enquisas que transcenderon ata de agora danlle de novo once concelleiros e algunha incluso doce. Como o ve?
—No 2015 pedinlle una oportunidade aos veciños para demostrar que eramos capaces de facer por Monforte o que prometíamos. Penso que o demostramos sobradamente, con moito traballo e capacidade de xestión. Nas pasadas eleccións, déronnos un capital político enorme. Temos once dos dezasete concelleiros, estamos a representar ao 65% da corporación. Sempre aceptei os apoios que me deron os veciños, antes e despois. Agora parece que podemos manter os once concelleiros e subir algo en votos. Sexan once ou doce, manterei as mesmas ganas. Se as cousas melloran non hai apatía, nin tempo para relaxarse.
—Seguen as protestas polo proxecto da ponte do Malecón.
—Hai protestas por parte dalgún partido da oposición que sempre se opón a todo e faino ademais a base de mentiras e enganos. Algún dos que están nesas protestas facía o mesmo na etapa de Celestino Torres como alcalde. Xa é algo histórico.
«A Xunta cre que non colaborar con nós dálle rédito político, eu penso que é ao revés»
O PSOE distribúe na campaña unha revista de 44 páxinas con amplo despregue fotográfico das actuacións desenvolvidas polo goberno municipal. Nas últimas páxinas, da conta dos 137 contratos de obras executados no mandato que vén de rematar.
—¿Non está un pouco desfasada ese tipo de campaña?
—Todo o contrario, a xente agradece moito esa documentación. É unha información que valora o que non ten un compromiso partidista. Pode comprobar se o que fixemos é verdade e decidir e lle gusta ou non.
—¿Pasouse coas bandeirolas?
—Nós poñemos bandeirolas nos postes do alumeado das rúas autorizadas. Nin nas bandeirolas nin nas tres lonas que puxemos en casas particulares facemos nada fóra da normativa. Un alcalde non se privou de poñer un gran cartel nun edificio que está como está fronte aos Escolapios. Non vin que daquela se criticase. Non son culpable de que outros poñan poucas un non as teñan, cada un sabe o que ten que facer.
—Na oposición din que leva todas as concellerías.
—Iso é que non saben que dicir. Acusar a un alcalde de traballar é non ter argumentos. O alcalde ao final é o responsable de todo, pero ningún delegou tanto como eu. A primeira tenente alcalde e o concelleiro de Obras están capacitados para xestionar o Concello cando vou de viaxe ou teño que estar na Deputación.
—Dixo no mitin que é bo que o alcalde de Monforte se leve ben co presidente da Deputación.
—Sen dúbida ningunha, sempre é bo que haxa sintonía entre as administracións.
—¿Tamén coa Xunta?
—O alcalde de Monforte lévase ben coa Xunta. É e a Xunta a que non está colaborar. Fai o mesmo con case todos os concellos onde non gobernan. Pasa en Vigo ou en Lugo. O PP di que non pedimos o Plan Rexurbe. Témolo solicitado dende hai dous anos e non contestaron. A proposta fíxoa a mesma empresa que en Betanzos, Tui ou Ferrol, e alí aprobáronllo. A Xunta pensa que se non colabora con Monforte vai sacar máis rédito político, eu penso que é ao revés.
—¿Preocúpalle a ampliación do mapa turístico da Ribeira sacra cara Ourense?
—Ampliouse o consorcio, que non é o mesmo. Nel tamén está Bóveda, que non é Ribeira Sacra. É normal que Ourense queira arrimar a ascua á súa sardiña, pero a realidade é que o 80% dos turistas que visitan a Ribeira Sacra pasan por Monforte.
Unha empresa de aluminios para o polígono
O segundo mandato de José Tomé como alcalde de Monforte péchase coa totalidade das parcelas vendidas no polígono industrial do Reboredo. «Unhas mercáronas empresas que xa estaban alí, pero tamén fomos capaces de traer novos proxectos de fóra como Kern Pharma ou unha empresa de aluminios que se vai instalar», adianta o candidato socialista á reelección.
—Pódese saber que empresa?
—Non vou dicir que empresa vai ser, serán eles os que o anuncien como fixo Kern Pharma ou LogiRail co centro de ciberseguridade ferroviaria. Hai alguén que consultou se había posibilidades de implantación e dende o Concello o que fixemos foi animar e axudar. Entre os socios da empresa hai un monfortino e outros que son de fóra de Galicia. O proxecto está enfocado á exportación, van vender fóra e vai crear bastante emprego tamén.
—Fálase moito estes días problema demográfico.
—Se a economía vai ben, e hai postos de traballo, a xente quédase a vivir aquí. Penso que estamos nun momento de corrección dunha situación que había cando chegamos ao goberno. Voulle dar datos que non son meus, son do Instituto Galego de Estatística, e polo tanto da Xunta. Cando chegamos ao goberno había en Monforte 5.595 afiliacións á Seguridade Social e en marzo deste ano —que é o mes dos datos mas recentes— eran 6.335. No mesmo período, o emprego medrou en 760 persoas cotizantes e a renda per capita en 1.458 euros por habitante. E todo iso coa pandemia polo medio.