O Día Mundial da Calidade que se celebra mañá é un reto para industrias e empresas de servizos
13 nov 2013 . Actualizado a las 10:51 h.Calidade: «Conxunto de trazos que constitúen a maneira de ser dunha persoa ou cousa». Voto de calidade: «O que ten a presidencia dalgunha institución e que resulta decisivo en caso de empate». Todo iso está nos dicionarios. E no calendario está que o 14 deste mes, mañá, é o 19.º Día Mundial da Calidade (a data cambia un pouco segundo o ano). É dicir, o planeta enteiro prométese a si mesmo facer as cousas mellor. E facer mellor quere dicir que duren máis, que sexan máis fiables, que rompan menos.
En principio ese día mundial nace pensado para as industrias, que son as que sacan ao mercado os seus produtos (dende unha goma de borrar ata un edificio, pasando por un viño), pero tamén para as empresas de servizos: como atenden á clientela nunha casa de turismo rural, por exemplo. Pero quen emprega eses produtos ou contrata eses servizos son as persoas, de maneira que estas -alumnos, profesores e toda a xente que non pertence á comunidade educativa- son as que se benefician de que se incremente a calidade nas cousas e nas accións, e de aí a explicación do dicionario: «Produtos de calidade: Bos produtos».
Non obstante, ¿iso quer dicir que a calidade implica maior gasto? ¿Son máis caros os produtos de calidade? A resposta é complexa. As cousas mellor feitas levan máis tempo, mellores materiais, e, xa que logo, deben ser máis caras. Con todo, tamén é certo que a calidade é un factor determinante que pode decidir a compra: «Quero esta marca porque é boa, sei que é de calidade». Así que hai que ter en conta que existe unha garantía de adquirir algo que reúne unhas condicións determinadas que se cadra non están ao alcance de todo o mundo.
A propia e tan socorrida Wikipedia ten unha entrada en español, Historia de la calidad, na que afirma que ese «no es un tema nuevo, ya que desde los tiempos de los jefes tribales, reyes y faraones han existido los argumentos y parámetros sobre calidad». E de feito xa se se refire dun xeito drástico á calidade o Código de Hammurabi, escrito hai preto de catro mil anos: «Se un albanel constrúe unha casa para un home e o seu traballo non é forte e a casa derrúbase matando ao seu dono, o albanel será condenado a morte».
Sen ser tan radicais (por sorte, a pena de morte está en retroceso en todo o mundo), a procura das cosas ben feitas continúa. Algúns afirman que o perfeccionismo é algo innato ao ser humano...
Un organismo galego
Galicia ten un organismo para potenciar a calidade dos produtos que se fan na comunidade autónoma. Chámase Galicia Calidade e nel está quen quere sempre e cando se comprobe por unha auditoría que en efecto ten un nivel de calidade óptimo. O que se trata é de agrupar ao mellor do mellor para amosar ao mundo que as empresas galegas crean produtos e servizos competitivos. Ana María Vidal, de Casa de Cacheiro (que pertence á marca), asegura que a eles achégalles «un valor engadido de prestixio, diferenciación, fiabilidade e confianza» e que está en Galicia Calidade «porque é un selo que ampara os servizos galegos, un selo propio da nosa comunidade que aumenta a nosa diferenciación».
Porque Galicia Calidade certifica produtos ou servizos, pero non empresas. Na actualidade a marca de garantía conta con máis de 250 deses produtos e servizos amparados, iso si, por máis de 50 empresas. E sen contar con que na actualidade hai máis de 20 solicitudes en período de estudo e auditoría que poderían entrar a formar parte da marca nos meses vindeiros. Nese sentido o organismo é un aval das empresas galegas para amosar ao consumidor que os seus produtos superan os requisitos mínimos legais. Ese é o camiño.
Actividades
1. A calidade non se toca, non se pesa e ás veces non se ve. Pero sabemos que está aí, en todas as cousas. Pon un par de exemplos. Botámoste unha man: ¿Con que pintas? ¿Con que escribes? ¿Que levas posto?
2. Non hai que confundir calidade con marca. Que unha marca sexa moi coñecida non quere dicir que sexa boa, senón que sinxelamente está de moda. ¿Que marcas están de moda?
3. A calidade non ten por que ser cara, pero desde logo non é barata. ¿Por que pensas que isto é así?
4. A calidade está tamén no que fixo onte a túa nai. ¿Saberías dicir unha cousa? E tamén no que fixo onte o teu pai. ¿Algunha idea?
5. Mira esta web:www.galiciacalidade.es