Convocada unha nova edición do concurso para elixir a grandes comunicadores nas aulas
29 ene 2014 . Actualizado a las 14:49 h.Vista para saber onde mirar. Oído para escoitar a quen ofrece información ou ten que contar. Olfacto para distinguir a noticia. E gusto e boa man para levala ao papel. Cinco sentidos son precisos para aprender a comunicar, e un pouquiño máis, un sopro de boa sorte, para chegar a distinguirse entre os mellores periodistas do ano. Xa tes unha nova oportunidade. Prensa-Escuela, o programa educativo que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, vén de convocar a undécima edición do certame que elixe anualmente aos grandes periodistas infantís e xuvenís das aulas. Dez anos de concurso teñen sacado á luz moitos talentos, amosando que a comunicación é unha paisaxe que agroma chea de vida nos centros que se deciden a abrirlle ás portas. Co obxecto de tender pontes entre a prensa e a escola e reforzar os vínculos do ensino coa información de actualidade, está deseñada a iniciativa de Prensa-Escuela dirixida a periodistas noveis, un certame cuxas bases poden consultarse na páxina web do programa, no apartado Concursos.
DÚAS CATEGORÍAS E GRANDES PREMIOS
Viaxes a Londres, fins de semana en Port Aventura ou no parque Warner, tabletas e cámaras dixitais son algún dos premios para aqueles que sexan distinguidos pola vocación de coñecer e contar historias. Os periodistas noveis poden presentar os seus traballos, en castelán ou galego, en dúas categorías. Os concursantes de educación infantil, e primeiro e segundo de primaria deberán ilustrar unha noticia, que escollan do xornal. A orixinalidade e a calidade do debuxo serán valoradas polo xurado do certame. A redacción dunha noticia é o reto que deberán superar os alumnos de terceiro, cuarto, quinto, sexto de primaria e educación especial. Mentres que na categoría de mellor periodista xuvenil (alumnos de ESO, bacharelato e formación) se poderá participar con artigos de opinión e entrevistas. Na web de Prensa-Escuela, amais de consultar as bases e dúbidas que teñas e descargar as maquetas, podes ver os orixinais premiados en cursos anteriores. Distínguense pola súa profesionalidade, moitos son unha sorpresa para os periodistas veteranos, aos que os grandes comunicadores que se agochan nas aulas son quen de converter en lectores que piden máis. ¿A que esperas, xornalista? Visita xa www.prensaescuela.es.
¿Como ves e como pintarías ti a realidade?
Ás veces unha imaxe pode case ela soa contar unha noticia. Así o amosan os periodistas máis pequenos das aulas. Pequenos en idade, non en talento. Cun arco da vella en homenaxe ao pintor Peteiro acadou Laura Álvarez o premio á mellor periodista infantil no 2013. Os tamén comunicadores noveis Hugo Pérez e Miguel Blanco foron outros dos distinguidos nas aulas o ano pasado, no que os orixinais galardoados escolleron como noticias, entre outras, os incendios, a aterraxe de emerxencia dun avión ou a morte da actriz Mariví Bilbao, inmortalizada polo galardoado cun pitillo e unha botella de chinchón. O sentido do humor tamén ten premio neste certame, que distingue as miradas cun enfoque máis orixinal da actualidade.