Convocada unha nova edición dos cursos de blogs para profesores de Prensa-Escuela
08 oct 2014 . Actualizado a las 11:24 h.A alianza que teñen establecido os blogs coa prensa abriu novos horizontes nas aulas galegas. Aprender é un verbo dinámico que rebenta de posibilidades. As que ofrecen o mundo virtual e as novas tecnoloxías quixeron explorar os máis de 700 cadernos dixitais que se puxeron en marcha dende o curso 2005-06. Comezaban a impartirse os cursos de blogs para mestres do Programa Prensa-Escuela, unha das actividades formativas coas que a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre tende e reforza pontes entre o xornal e a escola. Dende que naceu esta actividade dirixida a docentes, a comunidade de blogs de La Voz non deixou de gañar usuarios e hoxe supera xa os sete mil. Mais a suma no se detén, pois vén de convocarse unha nova edición destes cursos para docentes dispostos a levar á aula a dinámica de ensino con cadernos dixitais.
Formación en rede homologable
Este mes e o que vén impartiranse dous cursos on line, homologables pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O de nivel básico, «Desenvolvemento de proxectos de Prensa-Escuela nun blog de Wordpress», comezou o 6 de outubro e finalizará o 7 de novembro. O de nivel avanzado, «Novas estratexias e ferramentas educativas para crear e dinamizar un blog de Prensa-Escuela», iniciarase o vindeiro 10 de novembro e concluirá o 5 de decembro.
A actividade formativa está organizada no marco do convenio de colaboración subscrito entre a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Consellería de Cultura para a realización de actividades de formación permanente do profesorado, e os docentes que queiran participar teñen que solicitar a súa participación nos mesmos. Visita http://www.prensaescuela.es para obter máis información.
Un proxecto dixital que integra prensa e tecnoloxía
Como se subliña na web de Prensa-Escuela o obxectivo destes cursos de blogs para docentes, que son xa un referente educativo e teñen premio a final de curso, é facilitar as claves e as ferramentas precisas para crear un proxecto dixital que integre a información periodística coas novas tecnoloxías nas aulas. Os cursos, que se apoian nunha bitácora guía, contan co asesoramento dun titor especializado, que orienta aos participantes na elaboración do blog. Como ten subliñado o profesor Alberto Sacido, coordinador desta actividade formativa, o blog dun centro escolar serve «de pivote e escaparate para o traballo dos alumnos», permite rebasar os límites dos libros de texto e aproveitar «un espazo multimedia no que a información non deixa de moverse».