
A nena do napalm, Omayra, Aylan... A imaxe humana é noticia, e a expresión inmediata da verdade
07 oct 2025 . Actualizado a las 04:14 h.O recordo das persoas é unha fotografía. Unha imaxe ou varias, non a foto que se fai o día da voda ou a xuntanza, esa na que se edita o estado íntimo do día para facer un pousado, senón a que conta o que sucede, como é ou está alguén nun momento que captura aquel que sabe ou ese fotoperiodista de incógnito que é o noso cerebro. Ás veces, o recordo é unha película detida nunha escena fixa na cortiza prefrontal, esa parte da árbore da nosa mente que rega coa chuvia das emocións a amígdala para que non caian os recordos como as follas en outono. A imaxe que se «vendima» en palabra é metáfora. A miña nai é un sorriso de laranxa madura, unhas mans que fan un abano de papel co Kleenex ou as mesmas mans a dobrar as sabas que mudan cada semana o espertar da familia. As mans da miña nai son a súa cara.
Imaxes habelas hainas que quedar quedan máis aló do po do tempo fuxidío que milleiros de palabras. Unha imaxe, unha cara, quedou prendida no tendal da memoria da miña infancia, a cara de Omayra, a nena do volcán. Tiña 13 anos, cinco máis que eu, cando quedou atrapada tres días entre o lodo e as ruínas da súa casa en Colombia pola erupción do volcán Nevado del Ruiz. A miña realidade era outra, pero as imaxes da televisión diminuíron a distancia. Foi esa imaxe tan polémica como periodística a máxima expresión emocional da catástrofe no mínimo espazo e tempo. Omayra quería facer o exame de Matemáticas e non podía ir. Eu ía ao colexio, botando como unha pelota desinchada. Omayra e Irene Villa, a dignidade desarmada da inocencia fronte ao terror etarra, reflicten o estupor da miña infancia.
No 2015, a imaxe do neno Aylan na praia de Bodrum, en Turquía, resumiu o drama dos refuxiados sirios, a verdade do cemiterio máis grande do mundo, o mar Mediterráneo.
Din que Gaza albisca a paz cun plan non apto para a desconfianza adulta. Os 20.000 nenos e nenas que mataron os Netanyahus dilúen as caras. O neno que corre co irmán pequeno a ombreiros nun vídeo de Ahmed Younis en TikTok é o medo que fuxe lixeiro de Cidade de Gaza coa esperanza enriba.
Na cara da nena da foto que vai con este texto, eu vexo non só algúns dos trazos da miña filla pequena. Son os ollos de Gaza ante un exterminio que ninguén dá comprendido.