La Voz e Bibliotecas Escolares ofrecen unha charla sobre IA aberta á sociedade

ESCUELA

Unha charla sobre desinformación e noticias falsas no ano 2024 no IES Urbano Lugrís de Malpica
Unha charla sobre desinformación e noticias falsas no ano 2024 no IES Urbano Lugrís de Malpica

O xornalista experto en desinformación César Rodríguez explicará como xorden novos tipos de enganos nun acto en directo desde o IES Urbano Lugrís de Malpica. A charla é o venres 24 as dez da mañá. 

22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz de Galicia e Bibliotecas Escolares de Galicia celebran este venres o Día das Bibliotecas dedicándoo á desinformación, e fano cunha charla. Será no IES Urbano Lugrís, de Malpica, e estará a cargo de César Rodríguez, un xornalista de La Voz dixital (lavozdegalicia.es) experto en desinformación. A peculiaridade é que a charla se poderá seguir en directo a través das canles de La Voz, onde quedará despois (xunto cos do programa educativo do xornal, Prensa-Escuela) para quen non poida seguila. 

A quen vai dirixida. A charla está deseñada para rapaces de educación secundaria, pero claramente aberta a toda a poboación en xeral, porque a intelixencia artificial (IA) forma xa parte da nosa maneira de informarnos. Estará centrada no uso da IA para crear noticias falsas e divulgalas polas redes sociais e por internet. Os rapaces destas idades poden ter o ou non un teléfono móbil, pero si ven YouTube, xogan a videoxogos abertos á comunidade (con chats) e consultan información nos buscadores de internet. Os estudantes da ESO son especialmente vulnerables, aínda que as mentiras que aparecen nas redes sociais enganan a calquera, mesmo a persoas adultas e con certa cultura.

Como seguir a charla. Será ás 10.00, e poderase seguir tanto pola canle de YouTube de La Voz de Galicia (nos seus directos) ou ben entrando na páxina web do xornal (www.lavozdegalicia.es), xa que o vídeo estará tamén na portada dixital do diario.

A «desInformAción». O título da charla é desInformAción: vellas mentiras, novas formas, porque contar mentiras ou medias verdades, intentar enganar, reconducir o discurso e dirixir a opinión da xente sobre un feito ou unha posibilidade non son nada novo. O novo é a maneira de facelo.

Intelixencia artificial en acción. Na charla pasaranse exemplos de noticias xeradas por IA e imaxes que en moitos casos non se poden distinguir das reais. A IA ten un problema engadido, que é a chamada sabedoría das multitudes: considera que algo é certo se se repite moito.

 A imaxe imponse. Unha das cousas das que falará César Rodríguez é o peso crecente da imaxe. Os vídeos ocupan gran parte do noso ocio e poucas redes, e mesmo noticias, están sen o conseguinte vídeo. E a intelixencia artificial mellora cada semana a súa produción de vídeos. Neste contexto xorden os chamados deepfakes, dos que mostrará varios exemplos recentes.

 A confianza, clave. Na parte final de charla chegarán algunhas claves para navegar con seguridade. Seguir a diarios de recoñecida solvencia é unha delas.

 Pódense enviar preguntas. Durante a retransmisión, os interesados poden enviar preguntas ao xornalista, que poderá contestar durante a exposición, dende o chat de YouTube.

Fotos e cancelos. Animamos os centros a que nas súas contas compartan reflexións sobre a charla cos cancelos suxeridos. Son estes: 

@bescolaresgal | @lavozdegalicia | #desInformAcion | #fakenews | #loiadas

O vídeo quedará na rede. Para aquel que non poida conectar, o vídeo quedará gardado na rede e na web de La Voz e no YouTube e poderase ver en calquera outro momento.

Imaxe falsa xerada con IA dun portaavións no porto de Malpica
Imaxe falsa xerada con IA dun portaavións no porto de Malpica Gemini

Vivimos «unha pandemia» de noticias falsas

 Os creadores e difusores de loiadas teñen novos aliados: as ferramentas de xeración de vídeos e imaxes a partir dunha breve descrición de texto

César Rodríguez

No X Congreso Internacional de la Lengua Española, celebrado en Arequipa, Perú, hai uns días, lanzaron unha mensaxe de alerta sobre o que está a acontecer en internet e nas redes sociais e na mensaxería coas loiadas: «Estamos ante unha pandemia».

É un titular esaxerado? Non. As noticias falsas son tan vellas coma a humanidade, pero nunca circularon tantas, con tanta frecuencia e tanto alcance como nestes tempos. Os algoritmos que deciden o que se ve e o que non nas redes non diferencian entre contido verdadeiro e fraudulento.

Vímolo coa dina, co apagamento ou coa guerra de Gaza, xa non hai catástrofe ou crise sen que a acompañe unha avalancha de desinformación. E a situación empeora. Por que? Pola eclosión do uso da intelixencia artificial.

Moita xente usa ChatGPT ou asistentes similares para preguntarlle de todo. E Google mudou. Antes era un buscador. E agora converteuse nunha máquina de respostas. Á maioría das procuras que fas alí xa non teñen como resultado unha serie de enlaces a diferentes páxinas, senón un resumo feito pola súa IA. Adoitan acertar? Depende. Os datos de diferentes estudos falan dunha tendencia preocupante. Dende que poden consultar información en tempo real na rede, fallan máis. A razón? Hai moita xente producindo contidos falsos ou torcidos co formato adecuado para que os chatbots repiquen os seus enfoques e os seus feitos alternativos. E alguén garante a veracidade do que escribe a IA? Non. As plataformas non se fan responsables. 

Vídeos reais e falsos

Os creadores e difusores de loiadas teñen novos aliados, as ferramentas de xeración de vídeos e imaxes a partir dunha breve descrición de texto. A industria das mentiras aproveita as súas capacidades para inundar internet de contidos que poden parecer reais, pero que poden ser completamente falsos. Un exemplo é a foto que vedes neste artigo, feita en segundos coa axuda dun destes asistentes de IA. É falsa.

Tamén invita a reflexionar un vídeo recente de Donald Trump. Amosa ao presidente de Estados Unidos cunha coroa de rei pilotando un avión e botando xurro por riba dos manifestantes que critican a súa deriva autoritaria. Foi feito con intelixencia artificial e serviu como arma política.

Hai máis casos de usos preocupantes? Si. Nos últimos tempos proliferaron as páxinas web feitas por completo con intelixencia artificial que fan de vampiros. Collen historias reais, as transforman sen respectar nada e logo aparecen nos resultados das procuras, deixando sen espazo as novas de verdade.