Quen ten avoa marca tendencia

ESCUELA

Unha das «superavoas» galegas pintadas nun mural polo artista Yoseba MP.
Unha das «superavoas» galegas pintadas nun mural polo artista Yoseba MP.

«De mi abuela Lucre aprendí la guasa, de mi abuela Rosalía el cuento», confesou a cantante Rosalía

31 oct 2025 . Actualizado a las 12:25 h.

Eu tiven, como Rosalía (a cantante), dúas avoas. «De mi abuela Lucre aprendí la guasa, de mi abuela Rosalía el cuento», dixo recentemente a artista, que publicará o seu cuarto disco o 7 de novembro tras asombrar con Berghain, marabilla sinfónica que nos funde como terróns de azucre nunha cunca de café negro como o medo.

De nena, nese tempo en que viña Pedro Chosco, eu nas miñas dúas avoas tiña todo, todas as receitas do cariño a lume lento. Tiña truco e trato todo o ano, eran elas o trato con truco para escapar das leis mortais dos pais á eternidade daquelas tardes de venres nos que a ciencia era a ficción. As miñas dúas avoas tiñan leria e tiñan conto. Sempre azucre e sempre café. Sempre fío. Sempre tempo. Unha delas era máis de esmorga e a outra contaba cousas parecidas ás de Castelao, desas de meterte no corpo a risa do esqueleto. «Avoa, non che teño medo», dicíalle eu á miña avoa Castelao cando facía algunha falcatruada e viña contra min con cara de moucho, teso o corpo como pau de escoba. «Porque non cho poño!», soltaba rindo como a caveira. A risa da miña avoa podía ser tan aloumiñeira como funesta. Ata o terror ten, se andas pola vida e pola rede cunha avoa preto, pinta larpeira. Elas do terror fan un magosto. As avoas son o lume, son capaces de asar todos os demos.

Parece que hoxe todo o mundo ten avoa, todo o mundo presume de tela. Quen non a tivo anda perdido de certo. E a quen ten se lle nota. En que? Pois no recendo a lentellas con loureiro e chourizo, niso que vai máis por fóra. Ou no rubor das meixelas. E nas meigas, porque as das avoas van por fóra. E, xa máis por dentro, nótase a avoa na autoestima, nese talento tope natural que amosan algúns, eses que, como teñen ou tiveron avoa, non se teñen que vender. Que o valen, a súa avoa llelo contou antes que L’Oreal.

Hai moitos escritores que nacen da avoa. Quero dicir, que se dedican a escribir polo feitizo das historias que as avoas lles contaban. Como a premio nacional Carme Riera ou a mestra arxentina do terror Mariana Enríquez, que contou que tiña unha avoa de Fisterra «un poco siniestra» que gardaba fotos de funerais.

As avoas marcan tendencia, advertiume este verán Natalia Flores, directora da axencia creativa Está Pasando. Porque están de volta e chegan máis alá. A súa nova vida de redeiras de internet é unha sorte de medo.

Aí tedes a avoa Magda liderando no TikTok cunha receita de carne asada e outra de filosofía vital: «A avoa fai sempre o que quere». Ou a Isabel Espiñeira, «a avoa Barbie» de Ferrol, fenómeno viral. Guadalupe Fiñana, «Abuela de Dragones», hiperactiva na rede, non defrauda nin no Samaín.

Que nos dean cabazas só as avoas. Así se espanta o terror.