Así é a competición Galicia Skills: as olimpíadas da FP

ESCUELA

Uns 250 alumnos de formación profesional loitaron en Silleda polas medallas de ouro en 36 ciclos. Os gañadores irán á competición estatal

05 nov 2025 . Actualizado a las 09:06 h.

 Imaxina que tes que facer un exame diante de centos de persoas, cun experto vixiando cada paso e un xurado analizando o teu traballo con lupa. Soa a pesadelo? Pois para os 242 alumnos de formación profesional que participaron na competición Galicia Skills foi todo o contrario: unha experiencia chea de emoción e aprendizaxe. Así o conta Uxío López, do CIFP As Mercedes (Lugo), que competía na disciplina de Tecnoloxía de Laboratorio Químico. Para el «es muy positivo trabajar fuera de tu zona de confort» e engade que é enriquecedor «ver cómo trabajan el resto de los participantes», do que saca unha aprendizaxe.

A Feira Internacional de Silleda acolleu a última semana de outubro 36 competicións de diferentes ramas profesionais. Deste xeito, se paseabas polos corredores do recinto feiral, podías ver estudantes facendo un corte de pelo, cociñando, lixando madeira, cosendo unha blusa ou intentando arranxar un problema mecánico.

«Es muy positivo trabajar fuera de tu zona de confort»

A dinámica da competición é sinxela. Cada rama profesional propón un reto que os estudantes deben resolver nun determinado tempo. No caso de Tecnoloxía da Moda, por exemplo, os alumnos o primeiro día tiñan que facer unha blusa, e o segundo, unhas bermudas, ao máis puro estilo de Maestros de la costura. Para esta tarefa contan co apoio dun titor do seu centro e dun experto. María Dolores Seoane, profesora do CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), foi a responsable desta proba e valora positivamente o traballo realizado polos estudantes: «Teñen pouco tempo para realizar as prendas, pero saben sobrepoñerse aos erros e seguir traballando para finalizar a proba», comenta.

«A competición é un grande escaparate para os alumnos cara ás empresas»

Entre os xuíces desta especialidade atópanse varios traballadores de El Pulpo, marca colaboradora da competición, que non quitan ollo das creacións para escoller os gañadores. Este é un dos grandes atractivos de Galicia Skills: as empresas poden ver de primeira man como se desenvolven os estudantes baixo presión. Para Óscar Logilde, profesor do CIFP As Mercedes (Lugo), isto fai que «a competición sexa un grande escaparate para os alumnos cara ás empresas». Este docente agradece moito a colaboración de diferentes marcas na competición, xa que fan posible que os alumnos poidan traballar con maquinaria de última xeración, que en moitos casos ten un custo moi elevado.

A relación entre a empresa e a competición é total, tanto que tamén serve de trampolín para a contratación. Ese foi o caso de Hugo Aguiar, gañador da competición nacional de Skills na especialidade de Tecnoloxía de Vehículos Pesados no 2024, que acabou contratado en Agrícola Noroeste (John Deere), unha das empresas colaboradoras. Alí traballa como técnico de agricultura de precisión. De competidor a experto nun ano, pois nesta edición acudiu a Silleda a axudar os rapaces a resolver as probas na propia maquinaria cedida pola empresa —tractores, unha rotoempacadora e equipos de agricultura de precisión—. A Hugo a participación na competición Skills supuxo que se lle abrisen as portas ao mercado laboral, polo que a súa valoración non pode ser mellor. «É unha experiencia que serve tanto a nivel profesional coma persoal», comenta. Non dubida en sinalar o seu valor: «Foi tan positiva que repetiría, seguro», e anima a outros rapaces a participar «pola experiencia, polo moito que aprendes e porque ademais coñeces xente». Hugo Aguiar é consciente de que «hai momentos de rabia e frustración cando non podes sacar certas probas, pero son momentos insignificantes con respecto ao resto de cousas positivas que che achega a competición».

«É unha experiencia que serve tanto a nivel profesional coma persoal»

Que Hugo acabase contratado tras a competición non é casualidade. En probas como estas as empresas poden ver de primeira man como se desenvolven os rapaces nun entorno de traballo realista. A formación profesional, ademais, conta con ramas que actualmente teñen «un 200 % de saída profesional», segundo di José Méndez, profesor do CIFP Porta da Auga (Ribadeo). Este docente, experto na rama de Revestimento e Paneis de Xeso, considera que a competición Skills é «unha preparación perfecta para o mundo laboral, ao dar un tempo limitado para facer un traballo, como na vida real».

Porén, os alumnos non poderían enfrontarse a estes retos sen unha preparación previa nos centros de estudo. Gabriel Vilar, do IES Sanxillao (Lugo), foi o titor da alumna gañadora da medalla de ouro en Servizo de Restaurante e Bar no Galicia Skills deste ano e fora tamén participante en anteriores edicións. Para el hai dúas claves para ir preparado a competición. «É moi importante que o alumno teña o apoio do centro, que lle dea recursos e teña acceso a boas instalacións», apunta. Engade a necesidade de practicar moito. «Se fas unha cousa cen veces, dáche igual estar diante dun xurado ou de centos de persoas, porque, aínda que poidas cometer erros, cantas máis veces practiques,menos van ser», reflexiona. Para Gabriel Vilar, a competición Skills non só serve para reforzar as aptitudes técnicas dos rapaces, senón que tamén «é moi útil para traballar outras cousas, como saber aguantar a presión».

Os alumnos gañadores de cada categoría agora terán que prepararse para o campionato nacional, denominado Spain Skills, que se celebrará en Madrid a finais de febreiro do próximo ano (son en anos alternos). Alí competirán con estudantes de todas as comunidades e o vencedor de cada especialidade conseguirá unha praza no torneo europeo e no mundial, que se celebrará en setembro do 2026 na cidade chinesa de Shanghai.

«A competición permite aos rapaces visitantes coñecer novos oficios»

Máis alá do enriquecemento que levan os estudantes que participan nas probas, este ano engadiuse unha novidade para que puideran gozar tamén os visitantes. Os alumnos espectadores, chegados maioritariamente de centros de educación secundaria, puideron probar decenas de disciplinas grazas aos postos Try a Skill (proba unha habilidade, en inglés), nos que poñían en práctica de primeira man técnicas utilizadas nos ciclos. Os rapaces podían practicar como facer pompas de fume no posto de Restauración e masas no de Panadaría, ou deseñar cuncas no de Artes Gráficas. Un dos grandes atractivos da feira foi o simulador forestal do IES San Rosendo (Mondoñedo), no que os visitantes manexaban nunha contorna envolvente un autocargador no que movían troncos de madeira grazas á realidade virtual. Estas propostas, xunto coa posibilidade de ver en que consiste cada rama de actividade en directo, «permite aos visitantes coñecer novos oficios», sinala Juan Luis Santalla, profesor do CIFP Ferrolterra e experto da rama de Ebanistaría. Para el é moi importante que se mostren «traballos que quizais non son coñecidos para os estudantes e nos que ademais é necesaria moita xente».

Os gañadores de cada categoría:

- Atención Sociosanitaria

Helena Vázquez Espasandín (IES E. Pondal, Ponteceso).

- Carpintaría

Pablo Álvarez Pujol (CIFP Someso, A Coruña).

- CNC Fresado

Raúl Prado Paz (CIFP Ferrolterra, Ferrol).

- Cociña

Emily Rincón Saldarriaga (CIFP Compostela, Santiago).

- Control Industrial

Gabriel Filgueira Eiras (IES Macías o Namorado, Padrón).

- Desenvolvemento Web

Radoslaw Lisiecki (IES Ramón M.ª Aller, Lalín).

- Deseño Mecánico-CAD

Kevin Saavedra Rivas (CIFP As Mercedes, Lugo).

- Ebanistaría

Anxo Silva Romero (IES Antón Losada Diéguez, A Estrada).

- Electrónica

Martín Souto Fernández (CIFP Politécnico de Santiago).

- Escaparatismo

Marina Alexandra Marcu (IES Menéndez Pidal, A Coruña).

- Estética

Dahiana Vanegas Castañeda (IES de Teis, Vigo).

- Floraría

Abel Fernández Rodríguez (CIFP A Granxa, Ponteareas).

- Fontanaría e Calefacción

Adolfo González Martínez (IES Universidade Laboral, Ourense).

- Instalacións Eléctricas

Pablo Benade González (CPR FP Montecastelo, Vigo).

- Mecatrónica

Xoel Teijeiro Prado e Abraham Martín Corral (CIFP Politécnico de Lugo).

- Panadaría

Mateo Lema Villar (CIFP Paseo das Pontes, A Coruña).

- Peiteado

Nuria Garrido Reboredo (IES de Teis, Vigo).

- Pintura do Automóbil

Hugo Couñago Cabaleiro (CIFP A Xunqueira, Pontevedra).

- Recepción Hoteleira

Laura González García (CIFP Manuel Antonio, Vigo).

- Refrixeración e Aire Acondicionado

Samuel Domínguez Fondo (CIFP Universidade Laboral, Culleredo).

- Reparación de Carrozaría

Pablo Estraviz Freire (CIFP Someso, A Coruña).

- Servizo de Restauración e Bar

Aroa Reguera Vila (IES Sanxillao, Lugo).

- Soldadura

Ángel Alonso Álvarez (CIFP Valentín Paz Andrade, Vigo).

- Tecnoloxía da Moda

Valería del C. Riotorto Iñiguez (CIFP P. das Pontes, A Coruña).

- Tecnoloxía do Automóbil

Héctor Sánchez Bellón (CIFP Politécnico de Santiago).

- Adminstración de Sistemas en Rede

Martín Muíño Martínez (IES San Clemente, Santiago).

- Xardinaría Paisaxística

Marcos Fontán Blanco e Brais Castro Pardo (IES San Clemente, Santiago).

DEMOSTRACIÓN

- Fabricación Aditiva

Iria Caride Carracedo (IES Politécnico de Vigo).

- Farmacia e Parafarmacia

Saray García Baamonde (CIFP Politécnico de Lugo).

- Revestimento e Paneis de Xeso

Luis Alfonso Álvarez Pazo (CIFP Someso, A Coruña).

- Robótica Colaborativa

Rubén Vázquez Cid e Daniel Prada Rodríguez (CIFP A Farixa, Ourense).

- Laboratorio Químico

Lucía Grille Barral (IES A Sardiñeira, A Coruña).

- Tecnoloxía de Vehículos Pesados

Manuel Prada Palmeiro (CIFP Someso, A Coruña).

EDUCACIÓN ESPECIAL

- Peiteado

Lorena García Rodríguez e Laura Méndez Gil (CEE Santa María, Lugo).

- Servizos de Restauración

Silvia Varela Docampo e María Ignacia Paredes de la Cruz (CEE María Mariño, A Coruña).

- Xardinaría e Viveirismo

Javier Lorenzo Pérez e Pablo Carracedo Domínguez (CEE Saladino Cortizo, Vigo).