Os heroes de catro patas

ESCUELA

Un can-guía axuda a unha persona con dificultades de visión
Un can-guía axuda a unha persona con dificultades de visión PEPA LOSADA

A xornada de hoxe reivindica o labor destes animais en rescates e accidentes

21 ene 2026 . Actualizado a las 12:32 h.

Cun olfacto e un oído superiores, unha personalidade leal e instinto de adaptabilidade e supervivencia, con corpos adaptados á velocidade e a resistencia e unha comunicación a través da linguaxe corporal e vocal. Así son os protagonistas desta xornada: os cans de traballo. Cada 21 de xaneiro celébrase o seu día para reivindicar o seu labor e o dos seus guías, pero tamén para concienciar sobre a importancia de garantirlles, logo de anos de servizo, unha xubilación digna a estes heroes de catro patas. É que hai moitos países onde estes cans non teñen unha normativa que os protexa, o que implica que acaben abandonados...

Seguro que os maiores lembran o mítico Rex, un can policía. Ou vistes outros exemplos en películas e series. Pois si, dese tipo de cans de traballo imos falar hoxe. Son todos aqueles que realizan labores vitais en seguridade, rescate e asistencia a persoas con necesidades especiais. Forman parte de unidades como a Policía Nacional, a Garda Civil ou as Forzas Armadas, e entre moitas tarefas céntranse na busca de persoas desaparecidas, a atención a persoas con diversidade funcional, a detección de explosivos e estupefacientes, e o rescate en grandes catástrofes, como terremotos. Por exemplo, é común velos en aeroportos e estacións de tren inspeccionando equipaxes para detectar sustancias prohibidas.

Pero logo de anos de traballo, cando xa son maiores, hai que buscarlles un novo fogar. Moitas veces son cans difíciles, que precisan moitas doses de actividade, e que están acostumados a unha rutina, polo que non todos os potenciais donos poden chegar a adoptalos. Hai moitas protectoras que se dedican a axudarlles e buscarlles unha nova familia. Coñecedes algún caso?

Igual tamén tedes un can na casa e pensades que podería facer o traballo deste tipo de animais. Pois é que non todos serven, xa que teñen que ter unhas características especiais. Están moi adestrados e teñen unha gran capacidade de aprendizaxe e un grande instinto. Poden detectar o olor humano a grandes profundidades, o que aumenta as posibilidades de salvar vidas en situacións críticas. O pastor alemán, grazas á súa intelixencia e forza, é a raza máis común, aínda que tamén destacan outras como o pastor belga malinois. Incluiriades algunha outra?