Xornada sobre migración no Espazo da Identidade Cultural Galega, en Cabanas, O Vicedo, este domingo, 20 de xullo
CABANAS

O profesor Eduardo Lorenzo Pigueiras reflexionará sobre a migración desde a perspectiva da emigración e dos novos poboadores
19 jul 2025 . Actualizado a las 12:43 h.O Espazo da Identidade Cultural Galega, con sede na parroquia de Cabanas, O Vicedo, organizará este domingo, 20 de xullo, unha xornada sobre migración. O programa, que se desenvolverá no entorno do Teatro das Cortes, no lugar de Xestoso, dará comezo ás 17.00 horas cunha visita á exposición permanente Bosque de valores, e a continuación haberá unha conferencia que será impartida polo profesor Eduardo Lorenzo Pigueiras, quen reflexionará sobre a migración na contorna. «Tanto na súa forma de emigración como na perspectiva dos novos poboadores», apuntan desde a organización. A charla levará por título «Sobre a emigración ás beiras do Sor», e abordará cuestións como a multiculturalidade, a diversidade, a integración ou a ruralidade.
A xornada completarase coa exposición temporal «De Mañón ó mundo. Historias de vidas migrantes», que poderá ser visitada ata o 31 de xullo, e que se realiza en colaboración co Concello de Mañón.
O Espazo da Identidade Cultural Galega nace como un «espazo vivo, onde a cultura se mestura coa natureza, invitando a reflexionar sobre o que nos define e sobre como construír os nosos porvires a través do valor identitario da cultura galega».