As asociacións veciñais das distintas parroquias de Cedeira constitúen unha coordinadora: a unión fai a forza
CEDEIRA

Pretenden organizar actividades conxuntas e, sobre todo, unirse nas reivindicacións ante as distintas Administración
14 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As asociacións de veciños das parroquias de Cedeira únense para facer forza e trasladar de forma conxunta as súas demandas ás distintas Administracións. Os colectivos veciñais de Esteiro, San Román, Piñeiro, Montoxo e Régoa, e a asociación cultural de Santalla (Cervo) veñen de constituír unha coordinadora, cunha presidencia rotatoria (por un ano) entre as diferentes entidades.
Lino Bellón, que está ao fronte da Asociación de Veciños de Régoa, é o primeiro presidente da nova coordinadora, que nace cun dobre obxectivo. Por un lado, explica, «realizar conxuntamente actividades lúdicas, excursións, celebracións de festividades, etcétera». «E sobre todo, o máis importante —subliña—, facer un traballo reivindicativo diante das distintas Administracións, porque individualmente non se fai forza suficiente». Así, o primeiro que teñen previsto é solicitar unha xuntanza cos responsables do Concello de Cedeira, para presentarse e para expoñerlles as cuestións que máis lles preocupan neste momento.
Bellón refírese aos prazos nos que a Administración local abona as subvencións outorgadas aos colectivos. «Pediremos que se adiante todo o que se poida, como mínimo ao primeiro trimestre do ano, porque ás veces alárgase ata xullo ou agosto, e case vai pasado o ano», sinala. O Concello adiántalles o 70 % da contía da axuda, pero reclaman que o faga «o antes posible» para facilitar o traballo das entidades beneficiarias.
Tamén solicitarán ao Concello «un incremento da axuda que dá para as festas patronais, ás comisións organizadores, porque agora é unha cantidade simbólica». A coordinadora tratará de «facer algo de presión» para que se limpen as beiras das pistas, «que este ano están tremendas», lamenta Bellón. A coordinadora reunirase sempre que a maioría dos seus integrantes consideren que hai un tema que merece ser tratado de maneira conxunta.