Juventino Trigo, alcalde: «Co naval civil en Navantia, entrarían 5.000 traballadores en Fene e non 1.000»

FENE

Juventino Trigo deixa mañá a alcaldía, «nun concello que recobrou a calma»
08 may 2025 . Actualizado a las 12:14 h.Con nove anos, Tiniño quedou sen pai. E con 14 púxose a traballar en Astano. Sen embargo, recorda con moito cariño «aquel tempo no que Fene era unha gran familia, onde entrabas na casa do veciño a beber auga». Este venres, Juventino Trigo deixará de ser alcalde da súa localidade natal. O rexedor saínte do BNG ten no seu despacho a foto do seu antecesor fusilado en 1936, Ramón Souto, en vez do rei. Tamén un busto de Castelao, legado de Xosé María Rivera Arnoso. Fillo dunha muller moi traballadora, Trigo agora traspasa o mando a outra «curranta» como Sandra Permuy.
—Cando decidiu deixar a alcaldía?
—Hai dez meses, no verán pasado, empezamos a plantexar como facer un cambio na alcaldía para axudar a posicionarnos ben de cara ás municipais. O convinte era tomar a decisión na metade do mandato e preparalo sen sobresaltos. Pero xa hai máis tempo que indiquei no grupo que o razonable era non presentarme, porque achégome á idade de xubilación e levo moitos anos traballando (nacín en 1962 e levo unha xestoría). E quedaría moi mal ter un alcalde e colgar o cartel doutra candidata.
—Básicamente o BNG quere que Sandra Permuy sexa máis coñecida?
—Ela é unha persoa moi coñecida e recoñecida neste concello, moi aprezada. E agora tamén ten que ser coñecida como alcaldesa, darlle eses dous anos como tempo suficiente para que despois das municipais de 2027 continúe ao mando. Está facendo unha labor boísima, é unha curranta e ten unha gran valía.
—Búscase a maioría absoluta?
—O BNG está a dous concelleiros da maioría absoluta en Fene, existe a posibilidade da maioría absoluta se completamos os proxectos actuais.
—Tras a longa etapa de Rivera Arnoso, dá a impresión de que Fene vive nunha montaña rusa?
—A verdade é que si. O ano 2015 foi especialmente raro. Coa escisión do BNG en Amio, no momento máis duro e coa irrupción das Mareas, foi cando me tocou dar a cara. Pero os retos nunca me botaron atrás, e prefiro irme agora cando están as augas tranquilas. Nos momentos máis duros hai que poñer a cara. Houbo catro anos moi convulsos no concello, había xente que non axudaba á tranquilidade. Pero levamos cinco anos nun concello que recobrou a calma. Sen ter maioría absoluta (o BNG goberna con Esquerda Unida, e suman oito edís nunha corporación de 17), aprobamos os primeiros orzamentos do ano na comarca e os máis altos da nosa historia. Agora podemos dialogar sen problemas e mesmo contarnos aventuras.
—Atribúe iso a que xa non están as Mareas?
—Non falo tanto das Mareas senón das persoas. Ninguén entedeu que a Marea fixese unha moción de censura co PP para sacar ao Bloque, volveu a presentarse o mesmo candidato e sacou cen votos. Alí había xente que non tiña escrúpulos. E o PP errou xuntándose coa Marea.
—Aquí houbo mocións de censura impulsadas polo BNG e tamén dirixidas contra o BNG. E eses plenos eran moi tensos.
—Moi tensos e de moi mal gusto, con xente que perdeu o norte. Nos plenos era unha tolería, pero agora búscase máis o consenso. Se o goberno se adica a preocuparse polos veciños, é moi difícil que a oposición esté en contra. Logramos quitar as rodas de Ruber ou abrir o punto limpo. Quen pode ir contra iso? Agora se chamo aos catro voceiros, en 20 minutos estamos reunidos.
—Un Fene máis tranquilo é un Fene máis festivo?
—Agora fálase máis dos logros culturais e deportivos, da xente de Fene. Aquí temos os dous mellores murais do mundo grazas ao Perla Mural Fest, non hai outro pobo así no planeta. Iso é grazas á asociación Perla Mural Fest, e o Concello apoiou todas esas iniciativas. Esa repercusión mediática non a tivo outra cousa.
—Como é agora a relación de Fene co sector naval?
—A construción naval civil garantiría a existencia tranquila da ría por moitos anos. Sabemos quenes foron os responsables do acontecido. Perdimos a oportunidade de facer un dique cando se tirou a grada, que serviría para o naval e para a eólica. É certo que coa eólica pasamos de entrar cen persoas no estaleiro a máis de mil. Pero co naval civil en Navantia, entrarían 5.000 traballadores en Fene e non 1.000. O dique non se fixo en Fene porque no sur habería moitas protestas. Pero tamén hai que presumir: pasamos dun 20 % do paro ao 9 % no municipio.
—Séntese respaldado polo BNG na súa despedida?
—Moi respaldado. Cando o anunciei, aquí estaba por sorpresa todo o mundo do BNG comarcal.
—Que é Fene para vostede?
—A miña casa. Para os maiores de Perlío, eu continúo sendo Tiniño... ou tamén Triguito.