Moeche rende homenaxe ao párroco José Luis Parga: «Deixou unha profunda pegada»

A. C. MOECHE / LA VOZ

MOECHE

O párroco cuns nenos, nun ensaio do grupo de teatro que montou
O párroco cuns nenos, nun ensaio do grupo de teatro que montou CEDIDA

Falecido no 2014, botou case trinta anos nas parroquias de San Xoán e San Xurxo, de 1956 a 1984

28 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de veciños organiza un acto en memoria do sacerdote vilalbés José Luis Parga Santiago, que morreu en xuño do 2014 aos 83 anos e estivo de párroco en San Xurxo e San Xoán de Moeche desde 1956 ata 1984, segundo explica unha das persoas que promoven esta homenaxe. Contan co apoio da Asociación de Veciños Val de Moeche.

A homenaxe será este domingo, cunha misa (17.30 horas) e a colocación dunha placa (feita con toelo) na igrexa de San Xurxo. «Deixou unha profunda pegada nas nosas parroquias, máis aló do seu labor como párroco, pola súa proximidade e as iniciativas sociais e actividades que puxo en marcha naqueles tempos», destacan.

Moitos recordan «a transformación que fixo, ao deixar de cobrar por misas, enterros ou funerais». Ademais do traballo de dinamización que levou a cabo entre os máis novos: «Con el empezaron a xogar ao fútbol os pequenos e tamén montou obras de teatro, o que chamabamos as veladas». Os veciños lembran o seu trato próximo e queren que a súa memoria perdure no tempo.