Alberto San Juan e Toni Acosta chegarán a Narón a través do gran festival Singular

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Alberto San Juan na súa última obra
Alberto San Juan na súa última obra Cedida

O certame do 7 ao 30 de marzo inclúe unha rolda de negocios entre certames escénicos internacionais e compañías galegas

22 feb 2025 . Actualizado a las 10:39 h.

Con sete espectáculos para adultos, catro para público infantil, un seminario de clown, talleres de teatro e mesmo unha rolda de negocios, o festival Singular de monólogos ofrece unha das propostas escénicas máis especiais de todo o país. Celebrarase en Narón, no Pazo da Cultura pero tamén con algunha actividade no Auditorio, desde o 7 ao 30 de marzo. E traerá a grandísimos da escea como Alberto San Juan e Toni Acosta, ou compañías tan destacadas como Chévere e Teatro del Barrio.

Nesta décima edición da cita internacional (organizada polo Concello a través do Padroado da Cultura, co apoio da Xunta), haberá propostas de Cuba e Arxentina; e un 80 % das obras serán de mulleres. Toni Acosta inaugurará o Singular con Una madre de película o 7 de marzo, Alberto San Juan estará o 15 con Macho Grita, Diego Anido o 8 con O deus do pop, Chévere traerá o 21 as súas Pequenas mentiras para contar grandes verdades. Na presentación celebrada onte, o director xeral de Agadic, Jacobo Sutil, destacou «unha programación magnífica, cun dos concellos máis activos da rede galega».

 

 Como indicou a alcaldesa Marián Ferreiro, «tamén hai unha rolda de negocios entre 16 representantes de festivais internacionais (Latinoamérica, Chicago, New York) e 16 compañías galegas». E o responsable do Padroado de Cultura, Luciano Fernández, recorda que «no pasado ano catro compañías galegas lograron grazas ao Singular facer xiras por Uruguai, Costa Rica ou Nicaragua».