
O Concello organizará encontros informativos en todas as parroquias para ver que interese esperta
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Na comarca hai tres iniciativas en marcha, en distintas fases, en Cabanas, Moeche e O Porto do Cabo (Valdoviño, Cedeira e Cerdido), e San Sadurniño podería sumarse agora cunha cuarta. O alcalde, Secundino García, adiantou que o Concello vai organizar encontros informativos en todas as parroquias e empezar a traballar «de inmediato» cos veciños que mostren interese en sumarse a unha comunidade enerxética. Fíxoo logo da charla do experto nesta materia e parlamentario do BNG Xosé Manuel Golpe Acuña.
Segundo explicou, as opcións máis sinxelas son «crear unha asociación ou unha cooperativa». El é partidario da primeira, «pola rapidez da súa constitución e o doado que é xestionala». Pode estar integrada por persoas particulares, autónomas, pemes, entidades sen fins de lucro ou Administracións públicas, como sería neste caso o Concello.
Trataríase de montar unha instalación solar fotovoltaica, que podería producir unhas 1.200 ou 1.300 horas ao ano, dixo. Os aforros na factura «serían a partir dun 30 % e de aí para arriba», destacou. E deixou claro que antes ten que elaborarse un proxecto técnico «ben calculado», para colocar as placas no lugar máis axeitado, xa que non poden superar os dous quilómetros dos domicilios dos usuarios, se están nunha cuberta, ou 500 metros se van no chan.