Caldo, Teixido e o misterio da morte no Foro dos Vivos

Patricia Hermida Torrente
P. Hermida VALDOVIÑO / LA VOZ

VALDOVIÑO

Recreación das caldupeiras no Camiño de San Andrés
Recreación das caldupeiras no Camiño de San Andrés CEDIDA

A cita celébrase este domingo en Porto de Cabo, Valdoviño

29 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pola senda da Santa Compaña transitan os espíritos dos vivos e os mortos que van a San Andrés de Teixido. E a grandísima riqueza patrimonial e histórica desta ruta analizarase no segundo Foro dos Vivos-Camiños Santo André de Teixido. Celebrarase este domingo ás 11.30 con entrada libre na capela Virxe do Camiño, en Porto de Cabo (Valdoviño). E haberá diversas aportacións como a do investigador Alfonso Filgueira, sobre a importancia do Camiño no desenvolvemento rural. Ademais ao terminar, poderá degustarse o tradicional caldo de Porto de Cabo coas súas caldupeiras e outros produtos da zona nunha carpa xunto á capela.

Organizada pola Asociación Veciñal Porto do Cabo e a entidade Eu Fun de Vivo, a cita reúne a persoas vencelladas aos Camiños de Teixido «para compartir a súa visión deste recurso e posibles liñas de traballo conxuntas». Tamén poden participar representantes dos concellos implicados a través de Xeoparque Cabo Ortegal (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño). A asociación ASCM abordará a accesibilidade e a inclusión, os propios veciños de Porto de Cabo compartirán «a posta en valor do que fan e do que podería ser interesante replicar noutros puntos desta ruta».

Experiencias do Camiño

Desde Eu Fun de Vivo, Sergio Muíño recalca que se trata dun «espazo de traballo construtivo e para avanzar, é moi importante que xorde da comunidade local». Haberá un apartado sobre Experiencias no Camiño de Santo André, cunha guía turística como Loli Rubido, Pepe Breijo que montou a empresa Portal Norte de turismo activo, ou exemplos da cerámica que se fai en Porto do Cabo.

Como conclúe Sergio Muíño, «ponse en valor o traballo conxunto sobre estes camiños, que están dentro do Xeoparque como proxecto mundial da Unesco». E recupéranse tradicións como esas caldupeiras, as mulleres que facían o caldo galego para aportar enerxía aos camiñantes.