Carlos Núñez: «O trap está cheo de muiñeira»

Carlos Pereiro

FUGAS

cedida

Ten preparados concertos en Vilanova de Arousa, Oseira, Marín, Nigrán, Celanova e A Coruña para celebrar o 25 aniversario da «Irmandade das Estrelas»

23 jul 2021 . Actualizado a las 08:33 h.

Acaba de cumprir 50 anos, aínda que custaría en exceso pescudar a cantidade de horas que Carlos Núñez respirou para encher de aire un instrumento. O gaiteiro (quizais o artista) máis internacional de Galicia tamén se atopa celebrando o 25 aniversario da Irmandade das Estrelas (1996), mítico disco co que comezou non a súa carreira, pero si a súa aventura discográfica. A revisión desta obra, en forma de nova gravación chegará o 30 de xullo.

— Eu nunca sei se alguén está ou non está ben conservado, teña a idade que teña, mais sei que vostede é unha desas figuras que leva desde os noventa convertida nunha omnipresencia musical. É xa un sabio novo.

—É que a miña carreira foi súper rápida. Se son sincero, eu con 13 anos xa o tiña todo decidido. A esa idade xa tocaba como agora. Non mellorei demasiado [ri].

—Considera xa que aos trece xa estaba no punto máximo da técnica? Tan cedo?

—Podo esaxerar un pouco, pero o músico profesional xa estaba aí; que eu tiña un soño e quería conseguilo. Xa coñecía aos Chieftains, xa tocara en Castrelos... Sería pouco despois, na adolescencia, non? Cando estás na casa practicando todo o posible e cada mes notas que tocas mellor, é unha sensación marabillosa. E, claro, chega un punto en que se estabiliza a cousa e entras noutro percorrido onde prima a experiencia e outras variables.

—E con que variable está agora?

—Pois un dos descubrimentos maiores que fixen agora, con 50 anos, foi saber que o propio corpo é o noso instrumento principal. Non o podes mudar, como unha gaita ou unha frauta. As túas mans, os teus dedos, o teu alento, a túa respiración... é a mesma toda a vida, e é agora cando penso fondamente niso, e teño esa sensación de que cada vez que pasa aprendo algo máis dese corpo.

—Vostede parece que sempre algo novo que estudar. Se non é a música é un instrumento, se non é un instrumento é unha partitura perdida, unha teoría... Sempre aprendendo?

—Continuamente. Agora sacamos disco novo e estou abraiado coa xente moza, cos novos músicos. Estou aprendendo moitísimo dos máis novos, que veñen da música urbana, que teñen menos de 30 anos... Lembro cando Ry Cooder veu gravar aquí con Luz Casal e comigo Negra Sombra, que tiña a idade do meu pai, e dicía que viña aquí a aprender. Eu non o entendía, pero agora si. Estou a aprender dos máis mozos, da súa capacidade, da súa estética, da súa linguaxe... Estamos aplicando iso á música celta.

—Debe ser unha sensación de «déjà vu» curiosa, non? Ver que agora es ti esa figura famosa que chega para aprender.

—É unha sensación moi forte. Ademais eu sempre estiven rodeado de músicos máis maiores, os meus ídolos eran xente maior, como Paco de Lucía. E agora... empeza a ser ao revés, e penso no difícil que é cando es mozo que che fagan caso. E hai que facer caso aos novos, non importa a idade. Eu tiña 16 anos cando lle dixen a Paddy (Moloney) que había que ir a Cuba, a gravar música alí, estudar as conexións coa música galega. El dixo que si: «Ok, let's go to Cuba». Subín no seu barco pirata e percorrín o mundo. Nunca hai que deixar de lado nin aos máis mozos nin aos máis vellos. Aí atrás, escribíndome con Tangana, xurdiron ideas que nunca...

—Non me diga que vostede tamén gravou con C. Tangana!

—Estiven en contacto con el hai uns meses, cando descubrín un tema del a ritmo de muiñeira, en seis por oito, e pensei o interesante que sería para min explorar a nosa música con esa estética. O trap está cheo destes ritmos, de música tradicional. Con el non puiden gravar, pero si con uns rapaces de Vigo que traballaron con el a través do colectivo Banana Bahia: Danni Ble, Royce Rolo e Iaghost. Estes rapaces atoparon solucións a ecuacións moi difíciles, como a de encaixar un poema que me regalou Uxío Novoneyra, hai 25 anos, que agora logrei musicalizar, grazas a estes rapaces. Neste novo disco haberá moitos convites interesantes.