A banda presenta o seu novo disco, «Xabral», nunha xira por garitos e pequenas salas. «Non son só canteira de músicos, tamén son canteira de público», aducen
07 feb 2025 . Actualizado a las 10:15 h.Pub Rock é o título da canción que abre o novo disco de Ruxe Ruxe. Ía ser tamén o título do álbum, porque diso vai o conto, de reivindicar o feito de entender o rock dende a militancia do pub. Pero ao final optaron por Xabral —o microtopónimo do lugar no que teñen o local de ensaio— para non confundir. «Cremos que Pub Rock non representaba o son de todo o disco», explica Vituco Neira, voz e guitarra da banda.
O que si representa é o seu compromiso cun xeito de vivir e sentir a música. «Os pubs son sitio onde máis música escoitei e descubrín eu na miña vida», conta Vituco.
E tamén cun xeito de escoitala e interpretala. «A nós tamén nos gusta o pub como o sitio para facer música en directo. Sitios incómodos, cos músicos á mesma altura que o público. E un xeito de fuxir de toda esta traxedia dos macrofestivais cheos de pantallas, luces e egos desbocados».
Pero se xa as salas de concertos pasan por un mal momento, o circuíto de pubs, que tan vibrante e determinante foi para a escena musical galega ata non hai moito, está hoxe en serio perigo de extinción. Por iso Ruxe Ruxe decidiron facer a xira de presentación deste disco neste tipo de espazos. «Claro que poderiamos ter presentado o disco na Capitol, pero preferimos facelo en dous días nas Crechas, que é un local superpequeno». As seguintes escalas da xira serán en Artabria (Ferrol), A Pousada (Boiro), Krazzy Kray (Cambados), Jagger (Lugo), Gatos (Melide), La Beltane (Lalín) e Rebullón (Mos).
O circuíto de pubs sempre foi o primeiro chanzo na carreira de calquera músico. Pero hoxe xa non se entende así. Agora, a rapazada quere facer un disco na súa habitación e xa ir tocar a un festival. «O que necesitamos é educación musical. Do contrario é difícil chegar á conclusión de que calquera concerto no peor dos pubs é moito mellor que un concerto no maior dos festivais. Ti estás vendo a un grupo nun garito e é como velo no seu local de ensaio. Que hai máis puro ca iso?», expón Vituco. Quen tamén defende que nos pubs non só se fai canteira de músicos. «Tamén de público. Xente que se emocione escoitando as cousas como teñen que escoitarse».
Retornando a Xabral, din Ruxe Ruxe que «é o disco que máis nos gusta, con diferencia, de todos os que gravamos nunca», que é moito dicir. «E creo que é o camiño que ten que seguir o grupo», engade Vituco Neira.
A esta consideración non é alleo o labor de produción realizado por Kaki Arkarazo (Kortatu, Negu Gorriak) nos estudios Gárate, onde se gravou este traballo. O certo é que despois de case tres décadas, Ruxe Ruxe soan cunha frescura renovada e cun son moito máis limpo que o das súas últimas entregas. Por moito que Vituco asevere de entrada que «non estamos inventando nada que non se escoitara un millón de veces nin tampouco creo que esteamos facendo algo que non fixeramos outras veces. Ao final son cancións con estruturas de rock bastante clásicas». Para despois recoñecer que «si que é certo que está máis ensaiado, que soa mellor, que aparecen elementos como o Hammond, que o baixo e a voz de Xulia están moito máis presentes e que as guitarras teñen como moito máis aire... Supoño que todo iso, nótase». Vaia se se nota.
Xabral conta ademais con outra singularidade, xa que recolle a primeira canción que Ruxe Ruxe rexistran nun idioma que non sexa o galego. Titúlase Shane MacGowan, está dedicada ao inesquecible líder de The Pogues e está gravada coa colaboración do músico irlandés Brian Brody. En realidade, explica Vituco, a cousa ten un pouco de trampa. «A canción escribímola orixinalmente en galego e polo camiño cadramos con Brian, que é un fanático dos Pogues e decidimos facer unha adaptación ao inglés porque o que prestaba era que Shane a escoitara. Pero por desgraza, chegamos tarde».