Ana Regueiro: «O de Albert Camus nesta libraría, en Follas Novas, é incrible, véndese a diario»

FUGAS

Mentres cobran forzas novelas como a de Susana Fortes, sobre a historia de amor entre Albert Camus e a galega María Casares, a obra do premio Nobel francés non perde vixencia. «Nesta libraría tanto mozos de 18 como señores de 60 mercan a diario obras como El extranjero», revela unha das libreiras de Follas Novas, en Santiago
17 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mentres novelas como a recente de Susana Fortes sobre a historia de amor entre Albert Camus e a galega María Casares xa despuntan, a propia obra do premio Nobel francés tampouco perde vixencia, como avala Ana Regueiro, unha das dúas libreiras máis veteranas de Follas Novas, en Santiago. «Traballo na libraría desde 1986. Desde hai décadas atendo na sección de filosofía, ao fondo do primeiro andar, onde, dende sempre, Albert Camus vendeuse moi ben. Aínda así, é incrible o que sucede, desde hai catro ou cinco anos, con algúns títulos dese autor, sobre todo con El extranjero. Sae a diario. É rarísimo o día no que alguén non veña por el», sostén.
—A que atribúe o continuo éxito das obras dese autor, como «El extranjero»?
—Na libraría entendemos que o recente auxe desa novela pode vir polo boca a boca, máis que nada ao ver o amplo abano de idades dos lectores que a piden. Vendémola tanto a rapaces de 18 anos como a xente de máis de 60, e moitas mulleres. Se fose só aos de menor idade, poderiamos pensar que se trata dunha recomendación nun centro, pero non é o caso… Algún distribuidor ata se sorprende cando nun pedido lle incluímos 40 novos exemplares da novela, pero remátanse, tanto na edición de peto como na normal... Temos revisado a base de datos coas vendas dos últimos 20 anos e aí comprobas que se dunha edición do libro saíron 400, doutra foron 300... É tan curioso que hai pouco me decidín a preguntarlle a algúns clientes a razón de mercalo. Un profesor de filosofía razoábao pola forza e modernidade do protagonista da obra, un heroe do absurdo, un home atrapado nunha existencia que non controla... É certo que de Camus hai máis títulos tamén moi demandados, como El mito de Sísifo ou, sobre todo, La peste, de venda tamén case diaria, pero o de El extranjero, unha novela de 1942, chama moito a atención. Nun día poden saír cinco exemplares...
—Pode estar tamén o bum da filosofía tras a venda diaria das obras de Camus?
—Sen dúbida, ese eido vive un auxe absoluto, sobre todo entre os mozos. Moitos piden clásicos, tamén do existencialismo. As obras de Jean-Paul Sartre, con quen Camus mantivo unha agre polémica, aquí tamén tiveron a súa época, pero, polo menos agora, semella imporse Camus...
—Novelas como a de Susana Fortes, sobre a súa vida persoal, axudan aínda máis a relanzar ao autor francés?
—As obras dos últimos anos sobre as súas cartas con María Casares sorprenderon e poden axudar, pero iso non explicaría tanta continuidade nas vendas... Algo que, se cabe, pode influír é que ao ser esta unha libraría de fondo, cunha ampla sección de filosofía, moitos lectores, ao pensar en títulos como El extranjero, xa veñan ex professo... Outra cousa curiosa que pasa aquí é que cando lles comentamos que temos unha sección específica de Camus, moitos piden curiosear nela. Viñan por un título e levan tres... É un autor que chama.