Filloas: «Eu fun un neno de Sega, Nintendo era para os que querían molar»

FUGAS

cedida

O músico de Coruxo conseguiu asinar un vibrante disco de hiperpop vitaminado, desfrutón e cheo de humor, sen por iso eludir as súas angustias emocionais e existenciais

11 abr 2025 . Actualizado a las 10:21 h.

Vai ser Filloas (Coruxo, 28 anos) un dos grandes animadores do verán galego. As cancións do seu novo disco, Súbete ao EVA, son sete fogonazos irresistibles de hiperpop electrónico cheo de referencias ao universo dos videoxogos e do animé. Pero son ao tempo sete crónicas dun rapaz abstraído nos seus tormentos que loita por fuxir deles a base de música, terapia e humor. As cancións de Filloas son un descarnado retrato xeracional pero tamén son a súa propia caricatura e a do seu tempo.

­—Neste disco, pisácheslle dabondo ao acelerador.

—Con este disco reconcilieime moito co Filloas máis punki. Se algo lle queda moi ben ao hiperpop son eses beats tan acelerados e eses bpms tan tolos. Pode parecer paradoxal, pero dentro da electrónica paréceme que é onde mellor encaixa o punk.

—Utilizas o humor como contrapunto e como bálsamo?

—Totalmente. Eu son moi friqui da comedia e atopei referentes que, aínda que pareza ilóxico, utilizaron a comedia para canalizar as súas tristezas. Cando empecei a facer o segundo disco, e xa me empezou a escoitar alguén máis que a miña nai, pensei: «Se a xente se ten que comer as miñas penas e os meus dilemas xeracionais, polo menos que se leven tamén un sorriso». É o menos que lle debo á xente que me escoita. Ao rematar os concertos hai xente que se achega e me di «buah!, menuda festa!», pero hai outra que me di «que duro o que contas». Penso que conseguín que convivan eses dous niveis e que cada un decida ata que punto se implica con cada un.

—Sentes que son xeracionais os teus «dilemas»?

—Eu sempre pensei que este era un proxecto moi persoal de Iago Galego. Sempre falo en clave de min, de raiaduras que teño eu, como a saúde mental ou a precariedade laboral. Iso de que as miñas letras son xeracionais veume imposto. Ao principio ata case me sentaba mal porque non era algo buscado, pero agora alégrame que se diga por se pode servir para dar voz a rapaces e rapazas que estean vivindo o mesmo.

—Por que dis nunha canción que «socializar é un erro»?

—Para min as cancións son como pósits que uso para recordarme cousas que estou deixando de facer ou que sei que son o correcto. Eu tendo moito a pecharme no meu mundo e frases coma esa úsoas para dicirme «ti sabes que o que está ben é o contrario, non?».

—Falas en varias ocasións da precariedade laboral. Falta sentido crítico na nova escena musical?

—É certo que antes ía a festivais e escoitaba a grupos como Dakidarría, que eran moi sociais, e que agora houbo un cambio de paradigma. Pero non estou de acordo con quen di que a nova fornada de músicos non falan de temas sociais. O que pasa é que falamos dende outro prisma e non somos tan explícitos. A min, por exemplo, paréceme que Mondra ou Fillas de Cassandra fan moita política coas súas letras. Iso si, fano dun xeito moito máis sutil e coa gran vantaxe de que chegan a un público mainstream. Imaxínate, Fillas conseguiron que falar galego e ser feminista sexa algo que mole. Iso é moi importante.

—En «Mediocre» dis que tes dereito a non transcender. Méteche presión o feito de necesariamente ter que ser feliz?

—A min, si. Eu sempre digo que nós somos a xeración Disney. Tivemos uns referentes de pequenos que tiñan moito éxito e aos que todo lles saía ben. E eu pensaba «é demasiada presión para unha persoa». Na vida todo pode complicarse en calquera momento e hai moitos aspectos que nin sequera dependen dun mesmo. E Mediocre é un pósit emocional para dicirme «Iago, o teu obxectivo é desfrutar facendo música, non que transcenda Filloas».

—A morte está moi presente neste disco. Falas dela en varias cancións.

—Iso non é casualidade. Foi un dos maiores atrapes que tiven. Xa dende moi pequeno. Tería eu 11 anos o día que me din conta de que morrer ía ser unha realidade. E é algo que arrastro a día de hoxe e que si que vertebra a miña obra. Ao mellor tamén ten que ver co meu carácter de perdedor e pesimista.

—Un gran paso que das neste disco é que por fin falas de amor.

—Si, iso ademais foi moi buscado. Eu pensaba «se todos os artistas falan de amor e desamor, é que aí hai un tema potente. Non vou ser eu o primeiro en negalo». E cadroume facer este disco vivindo un bo momento coa miña parella e apeteceume contar algunhas anécdotas dos nosos inicios dun xeito divertido e a miña maneira. Eu que sei... para min pode ser romántico contar algo vivido coa miña parella facendo unha metáfora cun videoxogo.

—Como dis noutro tema, ti es máis de Nintendo ou de Sega?

—Eu fun un neno Sega porque era como máis naif e Nintendo era xa para os adolescentes que querían molar.

—Cal é o teu videoxogo favorito?

Outer Wilds. É un xogo de exploración espacial. É superexistencialista. Vai do que somos nós no universo, da morte, do legado que lle deixaremos ás civilizacións futuras... De feito, Outer Wilds vertebra bastante o meu disco. Na portada vese a un Filloas montado nunha nave espacial, o título 22 minutos vén de que o xogo sitúate nos últimos 22 minutos de vida do teu universo e a melodía de Adeus é a melodía orixinal dese videoxogo.

—E dos clásicos?

—Son moi fan dos Final Fantasy e quedaríame co Final Fantasy VII.

—De que personaxe es moi fan?

—De Sonic. Os que somos moi pesimistas e moi introvertidos esquecémonos de que hai veces nas que simplemente hai que molar. Hai que saír á rúa e pensar «mira que camiseta máis guapa levo» ou «que guai vou co meu skate»... E Sonic representa todo iso.

—Cal é o teu meme recorrente?

—Gústame moito un no que hai un soldado moi pequeniño coa súa espada e ao outro lado hai un xigante enorme cun espadón descomunal e di: «Eu coas miñas responsabilidades». Creo que representa moito o meu día a día.

—Insistes moito no de que es moi pesimista e introvertido, pero na conversa contigo non transmites para nada esa sensación.

—A ver, aquí hai moita terapia. Eu teño que filtrar moito o que está na miña cabeza cando falo en público. Porque eu sei que é tóxico e que non é san darlle a todo esa visión pesimista. Tampouco che vou vir aquí de Mr. Wonderful, con que se ti fas cousas boas vanche pasar cousas boas. Para nada penso iso. Pero, jopé, se pos un pouco da túa parte, pois polo menos un 2 % van aumentar as túas posibilidades de que algo do bo che veña de volta.

—O que está a pasar este ano con Filloas non te anima?

—Si, claro. Estanme a pasar cousas que pensei que non me ían pasar na vida. Pero non teño que esquecer que o meu obxectivo é desfrutar facendo o que fago, non transcender.