Mercedes Peón: «O comercial non vai ser o que nos axude a permanecer»

FUGAS

MIGUEL MIRAMONTES

Pasou 25 anos recollendo un material sonoro que hoxe é absolutamente referencial e sobre o que artellou unha discografía que lle abriu infinitos camiños ás músicas galegas

16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O nome de Mercedes Peón xorde unha e outra vez cando se fala de persoas referenciais tanto no ámbito da recollida —dedicou 25 anos a ese labor— como da contextualización e contemporaneización do legado do patrimonio oral a través dunha abraiante discografía propia.

­—Tes dito que eses 25 anos foron o mellor da túa vida. Que foi o máis importante que aprendiches daquelas mulleres?

—Elas e o torreiro déronme a pertenza omitida e afastada do meu corpo, ser na miña totalidade unha pandeireteira compositora e ensináronme a sororidade entre nosoutras. E esa pertenza déixame voar nun mundo global como autora de autoestima cultural.

—Chega no momento oportuno ou chega tarde este recoñecemento ás cantareiras, á tradición oral e á creación colectiva?

—A existencia como comunidade de tocadoras está fora do apoio institucional e dos apartatos de verificación. Ás veces hai e houbo fisuras do sistema que deixaron entrever partes dun non-mundo fóra da lexitimación do saber e este é un deses momentos. Encántame que utilices o concepto creación colectiva. Esa é outra fisura marabillosa que pon a luz sobre outros xeitos de operar que son a base de toda cultura con orixe. Poñer no centro ás tocadoras é poñer no centro a lingua, ás falas e a transmisión delas, entre outras moitas cousas. As tocadoras en concreto, a sabendas de que o torreiro é irredutible, foron, somos e serán unha parte fundamental para as ferramentas e a transmisión dunhas melodías perfectas na súa inmensa beleza e a relación das tocadoras en sororidade.

—Cal é a lección máis grande que poderiamos trasladar a hoxe daquela sabedoría?

—O primeiro, diría que a lingua galega e todas as súa falas, os trazos dialectais e, por conseguinte, un xeito distinto fóra do central que nos permite ver o mundo global con certa perspectiva. Os ternarios como terapia colectiva. O corpo movéndose a ritmo de 6/8 e 3/4, que é como vai o noso fluxo sanguíneo. A improvisación e a creación radical nunha mesma linguaxe. Iso fai comunidade. E así o penso para calquera parte do globo terráqueo.

—Queda aínda por recoller ou cres que o que debemos é xa centrarnos en investigar e aproveitar o que xa está recollido?

—Pois creo que hai que poñerse a bailar, a cantar e a tocar e a ter un transo en colectividade. Invítovos a que vos poñades en contacto coas pandeireteiras. Como di a copla: «Por que non tocades todas? Por que non bailades todes?» Achegádevos a este mundo tan abraiante e pracenteiro e voade canda nós nun transo colectivo. Iso é o que hai que facer. Ter a experiencia co corpo de algo tan auténtico como é sermos tocadoras ou bailadoras. E uso o feminino por invitarvos xa que estamos homenaxeándoas a elas e falo en non binario para que vos acheguedes a un mundo atravesado podo diverso e contemporáneo sen ter que facer electrónica. Só coa pandeireta na man.

—Poden celebracións e recoñecementos como estes afianzar o legado das cantareiras e pandeireteiras ou quedará todo nos fogos de artificio destes días?

—Penso que todo axuda, pero se chegamos ata aquí é porque hai resistencias a través da conciencia e do pracer. Esas resistencias veñen dende as persoas que utilizan o galego como lingua vehicular, veñen dos grupos folclóricos ou tradicionais que están facendo chegar a centos de persoas esas linguaxes dos microhábitat que se transmiten a través do pracer cando participamos en foliadas, seráns, ruadas ou festas das casas como din en Chaín. Da aldea, tal e como como a coñeciamos hai 50 anos, queda moi pouco dela. Aínda así podemos falar con Carme e Hermitas, de Bergantiños, ou con Digna López, de Chaín. Elas aínda están aquí e son as nosas coetáneas. Somos unha comunidade envexada fóra das fronteiras galegas. Somos unha comunidade de tocadoras, músicas e bailadoras que temos a linguaxe no corpo e podemos aínda, e con moitísima potencia, comunicarnos doutro xeito. Esta homenaxe ás cantareiras, aínda que sexa por uns meses, conecta esta comunidade resistente coas persoas que viven máis afastadas das creacións colectivas e da experiencia do corpo coas falas e os ritmos ternarios. Este afastamento ten que ver coa falla de normalización por parte das institucións e medios de comunicación. Así que xa só por iso, celebremos o Día das Letras Galegas e festexemos esta homenaxe para peneirar un pouco ás persoas afastadas desta beleza inmensa e única no mundo.

—Como podemos ser capaces de inculcar nas novas xeracións, que non tiveron a «experiencia corpórea» de vivir en primeira persoa con aquelas mulleres a súa herdanza e todo o que significan?

—Podería pensar que hai moitas persoas, miles de persoas que temos esa sabedoría no corpo e que somos axentes activos na transmisión a través dos seráns. Podes aprender as linguaxes en clases e despois botarte ás foliadas a desfrutar, comunicarte e transgredir o regrado para entender a liberdade do torreiro. Se tal podemos explicar que é o torreiro: un anaco de terra coa función única de ter comunicación coa túa comunidade cantando, tocando, bailando e, por suposto, falando. Alí amosarnos toda a nosa creatividade para comunicarnos dun xeito que nos harmoniza con esas recollidas e que nos convirte en axentes activas na transmisión do noso mundo. Poderiamos facer todas as semanas unha clase nas escolas de primaria, poderiamos abrir as portas dos locais de arte contemporáneo e facer unha ruada todos os domingos a hora do vermú. Tantas cousas…

—Fálase moito de que a música galega vinculada coa tradición está a vivir un momento esplendoroso. Concordas con esa valoración ou pode que esteamos a crear un xigante con pés de barro?

—Nunca o comercial vai ser o que nos axude a permanecer. Si é posible que achegue esta música a persoas nun momento dado pero o natural é facelo a través da experiencia propia, coa túa creatividade e transo en colectividade, a través desas linguaxes incriblemente perfectas e de inmensa beleza. Canto máis coñecemento propio teñamos, máis peculiares seremos e máis teremos que achegar ao mundo. Pero sempre cuns cernes fortes no propio territorio como identidade e a práctica da nosa tradición, porque o demais é efémero. Á parte de facerche gañar ben a vida nalgúns casos, cumpre unha función exótica no mundo hexemónico global.