A última lección do mestre Garrafín para o Atleti Lourenzá

FUTBOL GALLEGO

Garrafín, no centro da imaxe, na súa despedida en Santa Cruz.
Garrafín, no centro da imaxe, na súa despedida en Santa Cruz.

Aos 38 anos e sendo o futbolista con máis minutos do equipo noutro «bo curso» en Primeira Futgal, despediu dúas décadas de impecable e fiel servizo

19 may 2025 . Actualizado a las 11:06 h.

O mestre David Cabaleiro Pérez, Garrafín (Lourenzá, 1986), xa impartiu a súa última lección como futbolista do Atleti Lourenzá. Nun club que presume dunha filosofía localista case única en Galicia, poucos adquiriron a categoría de lenda dun one club man que se despediu cun papel capital tras dúas décadas no primeiro equipo. Ás ordes de Ángel Maragoto e, desde medio curso, José Ángel Castro, o centrocampista disputou 2.879 minutos, máis ca ningún compañeiro, e só perdeu un encontro por acumulación de cartóns amarelos na súa quinta campaña consecutiva manténdose sen apuros na Primeira Futgal.

«Quixen deixar o fútbol antes de que el me deixara a min», confirma con 38 anos tras unha traxectoria vinculada ao albivermello laurentino desde ben novo: «De pícaro ía ao Pilar e comecei a xogar no Foz, pero en canto fixeron as escolas aquí vin para Lourenzá. Tería oito anos». «Penso que fun un xogador comprometido, que tratou de aportar o máximo desde o medio, tanto en ataque como en defensa. O ano pasado metín sete goles e este só un, hai altibaixos, pero sempre dei o máximo», destaca un home que só deixou de defender a camiseta da súa vila durante un ano polo parón das competicións na pandemia.

«Tiven algunha oferta para xogar en categorías superiores, pero na casa sentíame moi cómodo, os compañeiros eran os meus amigos de toda a vida... Non tiña necesidade de complicarme», sostén un home que pechou a súa carreira saboreando os 90 minutos da derrota por 3-1 fronte ao Santaballés, pero recibiu a homenaxe da súa xente unha semana antes, na súa última aparición de curto no campo de Santa Cruz. «Foi un partido especial, emotivo despois de tantos anos, pero tampouco lle quixen dar moita máis importancia. Tratei de xogar como sempre», conta o capitán dun equipo xa matematicamente salvado que caeu por 2-4 contra un necesitadísimo Oural.

A boa situación deportiva do Lourenzá, que finalizou a Primeira Futgal na decimoterceira praza con 38 puntos nas 34 xornadas, foi unha das razóns que impulsou a marchar a Garrafín —un alcume que herdou de seu avó e seu pai—. «Somos varios os xogadores que levamos anos metidos na directiva e xa hai tempo que decidira que ía parar. Ten moito mérito que o Lourenzá se salve dun xeito máis ou menos cómodo en Primeira Rexional coa filosofía que temos, sendo todos rapaces de aquí. Deixándoo así, voume tranquilo e, ademais, os meus amigos, a xente da miña xeración como Recalde e Montxo, xa se foron indo. Agora só quedaba Jorge», explica.

Pepa Losada

Profesor de profesión, Cabaleiro seguirá aportando ao Atleti Lourenzá desde a directiva e a grada de Santa Cruz. Polo momento, descarta poñerse a adestrar ás categorías inferiores: «É certo que cando soben xuvenís trato de pararme un pouco con eles, sáeme natural, teño un pouco esa vocación de mestre, de axudarlles a mellorar. E tamén fixen algún curso de adestrador, pero agora mesmo non penso en exercer porque, ao final, me esixiría a mesma implicación que xogando. Quero liberarme un pouco despois de tantos anos», confesa.

«Se o equipo seguiu dando a talla sen Montxo e Recalde, sen min non vai ser menos; o futuro será aínda mellor»

«Se o equipo seguiu dando a talla sen Montxo e Recalde, sen min non vai ser menos; o futuro será aínda mellor. Hai rapaces dun gran nivel que xa o están demostrando, como Paulo, Jorge, Luis, Yago, Jose...», declara un xa exfutbolista agradecido a toda a contorna das Escolas Deportivas Lourenzá. «Teño que dar as grazas á directiva e ás escolas por todo o que me aportaron. Sen dúbida foi moito máis do que eu puiden aportar», reflexiona o durante tantos anos temón do conxunto atlético.

Na súa memoria perdurarán para sempre uns cantos momentos ligados ao balón: «Os ascensos de Segunda a Primeira Autonómica sempre son especiais, ves a todo o pobo apoiándonos. Tamén xogamos en Segunda varios derbis tremendos contra o Mondoñedo; eran moi intensos, a xente flipábase moito, había un gran ambiente e, ademais, case sempre gañamos. E destaco tamén as tempadas tan boas que fixemos con Segundo López e a implicación e esforzo da directiva».

Do vestiario, Garrafín lévase «compañeiros que son amigos para sempre»: «Os do meu grupo de amigos de toda a vida, Dani Rego, Recalde, Montxo... Pero agora tamén hai moi bos rapaces, cos que dá gusto falar, como Yago, Paulo, Luis... Por sorte, sempre tivemos un grupo fantástico».

E ben guiado. David Cabaleiro tampouco escatima en eloxios para os adestradores cos que viviu tantas campañas en Santa Cruz: «Sería imposible destacar só a un porque de todos aprendín e me trataron moi ben, pero seguro que co que máis gocei foi Segundo López. E de Roberto Ramallal foi do que máis aprendín». O capitán busca agora novos desafíos fóra do céspede.