![](https://img.lavdg.com/sc/Y1EUJsV318RDNm7qpUvdJoXIN0M=/480x/2005/11/09/0012_1762749/Foto/g10p25f1.jpg)
Entrevista | Antonio García Pérez Sabe que se se declarase culpable no seu día, estaría de volta na casa xa hai un ano, pero Antonio García mantén que a tripulación era inocente e, por iso, decidiu loitar
09 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.?odo -mesmo a tripulación do Viarsa e as camas do centro de inmigración- estaba preparado para o suposto de que os atopasen culpables. Por iso, cinco días despois do veredicto absolutorio, os mariñeiros seguían en Perth, á espera de ter na man os seus pasaportes para volver a Galicia. O deles será un verdadeiro regreso ao pasado. Esas sete horas que retrocederán no tempo significarán recuperar unha rutina da que saíron hai, no momento da conversa, «dous anos, un mes, tres días e sete horas». -Esperabamos o peor. Nós sabiamos que eramos inocentes, pero o xuízo era coma un partido Dépor-Celta que se xoga na Coruña con un árbitro de Monte Alto... Como moito esperabamos un empate, pero, por sorte, a xustiza, aquí, funciona. ¡E iso que a acusación se preparou a fondo neste segundo xuizo! Presentou 23 testemuñas, de Australia, Polonia, Nova Zelandia e mesmo de Pescanova, ao que, por certo, lle quero dar as grazas . Pero é que non tiñan nada en firme para culparnos. -¿Para cando a volta? -Voltas son as que nos están a dar eles. Australia non esperaba que nos declarasen inocentes e tiñan preparado todo para que, tras o fallo, fósemos para un centro de inmigración durante 24 horas e despois nos repatriasen. Pero ao ver que nos declararon inocentes, tiveron que facer todos os trámites de cero e, como cadrou na fin de semana... aquí estamos aínda. -Libráronse por falta de probas, pero... ¿sostíñase a acusación de Australia? -Nós nunca estivemos pescando en Australia, máis que nada porque sabemos o que fai e temos medo, porque te arriscas a quedar sen nada. Nós pasamos polo banco do nordeste das Heard e McDonald, por augas internacionais, aínda que Australia as reclame para si, pero non pescamos. É Australia a que nos está a poñer mala fama, de piratas. -¿Que recorda da persecución de 21 días polo sur do Atlántico? -Nós iamos ben tranquilos rumbo a Uruguai e mirando se quedaban ou non atrás. Sabiamos, polo caso do Estai , que en augas internacionais só te pode abordar un barco de guerra ou calquera outro de inspección sempre que haxa unha hot pursuit -persecución en quente, que arranca cando ven ao Viarsa en augas das illas Heard- e nós intentamos romperlla. -¿Cómo? -Meténdonos no medio do xeo, porque eles tiñan medo a entrar na zona. -Conseguírono? -Si, si. Eles mesmos o recoñeceron no xuízo, que estiveron cinco horas sen vernos. No anterior dixeron que foran dez minutos os que nos tiveran fóra do radar... Dez minutos ou cinco horas, tanto ten, o certo é que se rompeu a persecución en quente e, polo tanto, foi unha abordaxe ilegal. -¿Pedíronlle desculpas os australianos? -Ja, ja, ja... Aínda nos están mareando agora... ¡como para pedirnos desculpas! Á parte do embaixador de Uruguai, ninguén nos axudou nin se preocupou por nós. Aquí, en Perth, só hai un cónsul honorario e o embaixador español está en Sidney. Veu un día ao xuízo, pero porque lle cadraba ben, porque ía participar na festa do 12 de outubro que se celebraba este ano en Perth, unha festa á que non nos invitou, segundo nos comentaron, porque estaba convencido de que eramos culpables. -¿Van pedir compensación polas molestias causadas? -Supoño que diso se encargará a empresa, cando saia o xuízo do barco e reclame o lucro cesante. -Que cre que significa para Australia o caso do «Viarsa»?? -Penso que, a partir de agora, os pescadores van loitar por recuperar o barco. Os que non sexan culpables, claro! O Viarsa foi o octavo buque apresado por cargos tan ridículos como ir a bordo dun barco equipado para pescar... ¡Pois claro que vou nun barco equipado para pescar! Se son mariñeiro como vou ir nun barco sen anzois nin carnada! Todos os demais, Segade, Manolo... - South Tomi, Maya V - declaráronse culpables para saír o máis pronto posible. E algún non pescara en Australia nin nada. Creo que os mariñeiros do Taruman -o último barco apresado- loitarán, porque a xustiza funciona.