Hai máis de tres anos, a Fiscalía lucense puxo en marcha a chamada operación Muralla, na que investigou distintos asuntos relacionados coa Deputación que entón presidía Cacharro. Este caso segue sen pechar. Orozco non elude responder á pregunta de se unha Xustiza lenta é menos xusta. «A Xustiza ten que ter os medios necesarios para ditar sentenzas, autos, etcétera. Por iso é polo que ten que ser coñecida e recoñecida. Unha sentenza que tarde en demasía perde parte importante do valor que ten e as autoridades xudiciais terían que telo moi en conta».
-Nalgúns casos, os investigados saen unha e outra vez nos medios. ¿Cre que hai risco de que se produza unha sentenza social antes da xudicial?
-Estamos nunha sociedade moi mediática e moi inmediata. Por iso convén ser moi rigorosos na información, para non facer xuízos paralelos. Por iso a Xustiza ten que ser moi prudente sempre para saber que a quen se investiga en principio é un inocente. Tamén todos os medios modernos de posible control teñen que estar en mans da xustiza e só ela pode utilizalos para inculpar a alguén.
-Coa que está a caer, e vostede disposto a encabezar outra vez a lista do PSOE...
-Comparto uns ideais é un modelo de sociedade con moita xente e intento aproximarme para buscar o común denominador de moitos que non comparten totalmente eses ideais comigo, para tratar xuntos de facer unha sociedade máis xusta, libre, igualitaria. ¿Pode haber algo máis fermoso que servir á cidade e aos cidadáns cos que un comparte a súa vida? Mentres teña forzas e ilusión, e me apoien os veciños, seguirei neste traballo. Gústame.