Señor presidente de La Voz de Galicia, autoridades presentes, señoras e señores:
Hai biografías que son máis elocuentes que o mellor dos discursos. Hai vidas que conteñen valores e exemplos que un discurso só pode expresar con palabras. Premiamos a un home, a un galego, que dende o seu traballo recollido, contribúe a engrandecer o seus país, e fai que nos sintamos orgullosos de compartir con el a nosa paisanaxe. Faino ademais sen concesión algunha á fama. El mesmo confesa que lle produce «desacougo» ser obxecto de piropos e galardóns.
Aínda respectando a súa modestia, eu debo dicirlle a don Ángel Carracedo que os galegos coma el teñen unha obriga suplementaria coa súa comunidade. Porque son a representación dun galeguismo imprescindible que necesita ser coñecido e recoñecido por todos. Agora que o pesimismo se estende por moitos sectores sociais, traxectorias como as do profesor Carracedo son faros que alumean o camiño. Trátase dun galeguismo de feitos e actitudes, que non se laia senón que actúa, que cree no futuro e non se resigna diante das adversidades.
Ninguén podería dicir hai uns anos que en Galicia estaría un dos centros de referencia mundial da medicina xenómica. Para os pesimistas do pasado, a xente coma o profesor Carracedo era unha ilusa que pretendía enfrontarse ao sino que nos condenaba á irrelevancia científica. Con todo ese pesimismo, nin as súas investigacións, nin os moitos logros que acadou o noso país, tivesen sido posibles. En cada encrucillada histórica, prodúcese unha loita entre os que se renden ás circunstancias e os que queren cambialas. Grazas a que don Juan Fernández Latorre, no lonxe 1882, formaba parte dos que querían cambialas, Galicia dispón dun grupo de comunicación como o que hoxe nos volve a acoller un ano máis.
O destino dunha comunidade depende de quén se impoña nesa loita crucial. Don Ángel Carracedo milita nese galeguismo construtivo que existiu en todas as épocas da nosa historia, e que existe tamén nesta. Cómpre que os galegos que se esforzan nas súas tarefas cotiás, que traballan arreo no seu cometido, saiban que non están sós. Teñen que saber que hai compatriotas co mesmo anceio, e que todos xuntos formamos unha maioría capaz de sinalar o rumbo.
Todos xuntos. Velaí outra lección que se extrae da biografía do laureado. El é un home que forma equipos. A materia que estuda precisa cooperación, e non é posible con egoísmos. A dispersión de esforzos, os preitos vanos, os torpes personalismos, son atrancos nun traballo de investigación que está destinado en última instancia ao ben común. O paralelismo é evidente. O ben común das sociedades depende tamén da capacidade dos seus integrantes para actuaren como un equipo. Nunha sociedade que actúa así, as potencialidades non se suman, senón que se multiplican, como advertía Concepción Arenal.
Señoras e señores. Moitos dos que estamos aquí temos sido testemuñas de dúas transicións exitosas. A primeira fixo posible que unha España de ditadura se convertera nunha democracia exemplar, malia os augurios de todo tipo. Aquela nación sometida tanto tempo á privación das liberdades érguese, anda e sitúase axiña entre as grandes democracias do mundo. A segunda gran transición prodúcese en Galicia, e permítenos deixar a condición de pobo sen institucións, para procurarnos un autogoberno que dá cabida a todos os pensamentos. Dende entón, a nosa terra conta con ferramentas para ser partícipe de si mesma.
Pois ben, creo que hoxe está agardando unha terceira transición. A transición das mentalidades. O sentido deste cambio está implícito na célebre invocación do presidente Kennedy, cando pedía aos seus concidadáns que se preguntasen qué podían facer polo seu país. No mundo que nos toca vivir, hai unha dobre dirección nos deberes. O país ten deberes que cumprir cos cidadáns que o integran, e os cidadáns teñen deberes que cumprir co seu país. Esa transición implica, en suma, unha sociedade con dereitos e deberes.
Galicia non pode ser allea a esta transición. O primeiro requisito para culminala con éxito é a superación dos individualismos persoais, locais e corporativos. Nun entorno global, só pode competir unha Galicia global. Formamos un país que se fai mais pequeno cando se divide, e se engrandece cando se agrupa. Facer de Galicia unha tarefa común, como tantas veces pediron os galeguistas, deixa de ser unha opción para converterse nunha obriga urxente.
¿Como se pode dar resposta a esta obriga? Dende a responsabilidade de cadaquén, e tamén dende a política e o xornalismo. Cando alguén, en ton pesimista, se pregunta polo futuro da política ou o futuro do xornalismo, eu respondo que ese futuro está ligado intimamente ao da democracia. A democracia moderna está vinculada ao nacemento da política baseada no diálogo, e tamén ao xurdimento dos primeiros medios de comunicación. Democracia, política e xornalismo son os tres vértices que configuran a convivencia.
Nesa transición das mentalidades, o papel da política e dos medios de comunicación é insubstituíble. Sen a contribución dos dous, será difícil lograr esa nova conciencia social que reivindique conceptos medio esquecidos como ben común, interese xeral ou acción colectiva. Non se trata de que a sociedade se faga homoxénea. Tampouco de activar un imposible pensamento único. Significa atopar puntos de encontro en cada dificultade que apareza no camiño.
Eses puntos de encontro xa se atopan na sociedade galega, a pouco que prestemos atención ao movemento que bule por baixo das aparencias. Xente como don Ángel Carracedo non é unha excepción no noso país. En cada sector, en cada colectivo, en cada territorio, son maioría os que se senten partícipes dunha empresa común. Temos que darlles voz, reivindicalos, facer que a súa enerxía non se desaproveite porque deles depende que fagamos o futuro ou que nolo fagan.
Premiamos a un home que soubo crear e manter un espírito colectivo. Estamos nunha casa que atesoura memoria de Galicia, e que é, así mesmo, gran protagonista da historia galega. Son dúas probas de que este país noso ten forza dabondo para erguer realidades que desafían ao tempo, incluso as que desafían aos peores tempos. Necesitamos máis que nunca que esa forza se manteña viva. Grazas, Santiago Rey, por convidarnos e por manter o temón de La Voz en plena tempestade. Galicia sábeo. Moitas grazas.