«O Fraga que sinto non ter debuxado»

siro lópez REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

O ilustrador repasa aquelas ilustracións do vilalbés que lle quedaron no tinteiro

17 ene 2012 . Actualizado a las 10:58 h.

Non sei cantas caricaturas faría de Fraga desde o ano 1973, en que debuxei as primeiras, ata o 2006, en que deixei de ser caricaturista político en La Voz de Galicia, pero foron varios centos. Recollín en viñetas boa parte das súas irritantes intervencións parlamentarias durante os primeiros anos da Transición, e as máis das actuacións -moitas veces gratamente sorprendentes- nos quince anos que foi presidente da Xunta de Galicia.

Nas hemerotecas quedan as reseñas gráficas das arroutadas e das mostras de xenerosidade dun home complexo e contraditorio, que era quen de arremeter asañadamente a un adversario, e de abrazalo ao día seguinte; ou de acoller paternalmente a un colaborador fiel durante anos e decapitalo politicamente un día calquera, por obediencia ao mando. As testemuñas da capacidade de transformación dun político que se afixo a cada tempo e circunstancia, ata manter relacións cordiais con quen parecían inimigos irreconciliábeis; e as dun presidente autonómico que ía por libre en política internacional.

Porén, hai caricaturas de Fraga que non fixen e que me gustaría ter feito. Algunhas por puro divertimento, como cando Fraga lle levou a Franco a relación de ministros implicados no caso Matesa, e Franco, co papel na man, comentou: «Me alegra que en esta relación no figure López Bravo». Era o primeiro da lista. Outra podería ser cando Fraga, ministro de Información e Turismo, foi ninguneado por un gobernador civil. Enrabechado deulle as queixas a Franco, que o escoitou atentamente, e logo comentoulle: «Yo de usted olvidaría ese asunto. Tengo entendido que ese gobernador tiene muy buenas agarraderas». Pero sobre todo sinto non ter recollido nunha viñeta o acto protagonizado por Manuel Fraga e Santiago Carrillo en outubro de 1977, cando ocuparon a mesma tribuna no Club Siglo XXI, Carrillo como conferenciante e Fraga como presentador. Aquel encontro que escenificaba a reconciliación dos españois ben merecía unha caricatura.