«O sorprendente sería adiantar as eleccións por interese político»

La Voz

GALICIA

04 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Vázquez fai un balance moi critico da xestión do Goberno do PP.

-A decisión de Feijoo de non adiantar as eleccións neste semestre será un alivio.

-Nin é alivio nin deixa de selo. O sorprendente sería que un Goberno con maioría absoluta adiantase as eleccións por interese político e non por necesidade real. O Goberno queda sen argumentos e xa non ten a escusa do Goberno central. Tampouco sei si se van adiantar, porque como sabe isto dá moitas voltas.

-¿Como resume estes tres primeiros anos de Goberno do PP?

-É o peor Goberno da historia. Feijoo renunciou a defender os intereses do país, a demandar máis autogoberno, a exercer as competencias. A súa inacción leva a unha situación desastrosa e tomou decisións equivocadas, como a paralización do concurso eólico. Tres anos perdidos.

-Tamén cabe pensar que a maior fortaleza de Feijoo ten estado na febleza da súa oposición.

-Como non se pode defender a acción gobernamental, hai un interese en botarlle a culpa á debilidade da oposición. O BNG ten propostas. Outra cousa é que pasen desapercibidas e aparezamos máis nos medios polas nosas cuítas e problemas internos.

-Pero eses problemas impiden que se visualice a oposición.

-Iso é así. Pero é certo que se lle presta máis interese a eses debates que ás propostas. Nós témolas. Estamos cunha campaña contra a reforma laboral.

-¿En que medida a crise económica é tamén a crise das ideas?

-Socialdemócratas e conservadores abrazaron as teses do neoliberalismo. Iso é o que leva a aparencia de falta de alternativa. PP e PSOE reformaron a Constitución e acordaron unha única política económica para satisfacer á gran banca e como prioridade pagar os intereses da débeda. Hai moi poucas diferenzas nas súas formas de actuar.

-Manda a política da tesoira. Tamén co nacionalismo catalán.

-Non lle vou negar a razón. O problema é que se os nacionalistas en Cataluña aceptan ese marco como o único posible e non se plantexan dar unha batalla por cambialo, aceptan os recortes que ese marco impón. Pero aquí nós temos que ter como prioridade non aceptar ese marco, porque acaba con nós.