Roberto Varela: «Hai que analizar a necesidade real das "embaixadas" da Xunta»

m. cheda SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O novo embaixador de España en Uruguai considera que o razoable é paralizar «sine die» as obras da ópera do Gaiás

12 mar 2012 . Actualizado a las 20:01 h.

Conselleiro de Cultura e Turismo de abril do 2009 a xaneiro do 2012, Roberto Varela Fariña (Meaño, 1959) tomará posesión como embaixador de España en Uruguai contra o 20 de abril. Estes días descansa, le informes, empaqueta libros e prepara unha ducia de reunións.

-Na súa despedida do Goberno, o 4 de xaneiro, prometera: «Vaia onde vaia, a miña prioridade será defender os intereses do meu país, de Galicia». ¿Como é que pensa facelo agora?

-Alá será bastante sinxelo. Temos unha colonia galega moi importante e unha das miñas labores prioritarias será protexela. Hai moitos [emigrantes] aos que non lles foi ben, que teñen dificultades: para volver a España, para sobrevivir, de saúde... A miña entrega con eles, coas súas necesidades, vai ser absoluta. Tamén quero promocionar máis a nosa cultura no Cono Sur. E despois están as relacións políticas e económicas coas empresas instaladas no país, con algunhas das cales penso entrevistarme a próxima semana, ademais de, por suposto, co ministro de Exteriores, co secretario de Estado e con directores xerais, para recibir instrucións.

-En Montevideo atópase tamén unha das tres «embaixadas» que a Xunta ten no estranxeiro. ¿Apoia a idea de aforrar pechándoas?

-Eu penso que, dentro do plan de austeridade que dunha maneira moi acertada está levando a cabo Alberto Núñez Feijoo, hai que analizar a necesidade real de continuar con ese tipo de embaixadas. Unha vez alí, farei un informe sobre iso. É certo que a colonia galega en Montevideo é ampla, que unha parte está a pasar dificultades, e que non podemos escatimar con eles. Pero tamén é verdade que ao mellor hai solapamentos que deberiamos solucionar.

-Non son tempos para gastos...

-Non son bos tempos para a economía, evidentemente, pero alá hai moitos galegos que, como cidadáns españois, teñen dereito a unha serie de axudas.

-O censo electoral de galegos no estranxeiro está en máximos históricos. O día que acaben co voto rogado, igual as eleccións se gañan máis fóra que dentro...

-[Risas] Non o sei, espero que non. Espero que non se repitan as imaxes dos portos de Galicia despedindo aos emigrantes.

-¿Pero é partidario da fórmula do voto rogado ou non?

-Eu penso que, mentres os tratados internacionais así o permitan, deben votar todos aqueles que teñan un vínculo co noso país, con España en xeral e con Galicia en particular.

-De Galicia, da Xunta, marchou vostede un chisco antes de tempo. ¿Tivéralle gustado rematar a lexislatura?

-A verdade é que un nunca se plantexa isto en termos do que lle gustaría ou non. Fun chamado polo presidente para falar sobre a posibilidade de reducir consellerías, cousa que entendín perfectamente, era inasumible que levara Educación, xurdiu a posibilidade da embaixada e así saíron as cousas.

-¿De que se sinte máis orgulloso deses tres anos?

-Sen dúbida, do 2010. A medida que pasa o tempo, vaise vendo mellor que o Xacobeo foi un ano moi especial para Galicia, cun récord histórico de visitantes e cunha programación cultural con moita personalidade, vangardista, moderna... e feita con moi poucos cartos.

-¿E que lle tivera gustado facer que non puido?

-Tivérame gustado rematar varias cousas, sobre todo, adquirir unha maior fluidez na relación coas industrias culturais e completar o reordenamento dun sector onde hai demasiadas asociacións que compiten entre si polo mesmo, algo que non se pode abordar en meses, pero que si é urxente facer.

-¿Como cre que se verá o Gaiás dende Montevideo?

-[Risas] Eu seguireino véndoo como algo que, en fin, está aí, que non podemos ignorar, que non podemos tirar con el, que debemos rendibilizar e que temos que rematar algún día, non agora, se a economía o permite.

-¿Non sería mellor deixalo para sempre xa como está hoxe en día, con catro edificios?

-O máis importante de todo é que os galegos queiramos a Cidade da Cultura; se os galegos non a queren, pois parémola. ¿Estamos nunha época na que se constrúen óperas? Non, evidentemente, non; nin en Galicia nin en ningún país do mundo practicamente. O razoable, opinando como cidadán, é paralizar sine die a ópera do Gaiás, non levantala agora de ningunha maneira. Pero o problema é que o proxecto de Eisenman, como está hoxe, queda moi visiblemente a medio facer. Tendo en conta que o prioritario hoxe son outras cousas, igual nun futuro se pode completar, non cunha ópera, pero si cun espazo multidisciplinar ou alternativo.