![Carlos Casares no 2002.](https://img.lavdg.com/sc/Az2E4iyMk4umiwRcDIdRFrlg8os=/480x/2013/07/25/0012_201307G25P16F1jpg/Foto/G25P16F1.jpg)
A editorial converteuse nun centro activo de recuperación da lingua
25 jul 2013 . Actualizado a las 15:48 h.A editorial Galaxia cumpre hoxe 63 anos. O 25 de xullo de 1950, Ramón Otero Pedrayo presidía unha asamblea fundacional na que participaban máis de 30 destacados personaxes decididos a darlle corpo á resistencia cultural galega no franquismo. Un nacemento destinado a servir de ferramenta para a recuperación da lingua e da cultura galega.
Do exilio da casa
Libros feitos en Galicia. O nacemento de Galaxia supón, entre outras cousas, un cambio de lugar para a produción cultural do país. Ata ese momento as iniciativas culturais galegas, sobre todos as editoriais, realizábanse no exilio. A editorial recupera para Galicia esa actividade e arredor dela dinamiza un grupo de figuras intelectuais.
Revista «Grial»
Un nacemento tardío. Ao mesmo tempo que nacía Galaxia, a intención dos promotores era poñer en marcha unha revista que acompañase o proxecto editorial. Pero o goberno franquista prohibiu o que logo sería a revista Grial en 1950, tralo seu primeiro número. A revista tardaría aínda 13 anos en poder ser publicada, en 1963. Na actualidade é unha das revistas de cultura e pensamento decanas entre as editadas na Península Ibérica.
Núcleo inicial
Tres persoas clave. Tres foron os personaxes claves no inicio e na orientación da editorial: Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro. Este último foi o seu primeiro director literario e quen fixo da editorial un centro de actividade que sobrepasaba tareas literarias e culturais. Xunto ao traballo destes tres animadores da editorial, nos primeiros tempos sumáronse intelectuais como Domingo García-Sabell ou Ricardo Carvalho Calero o que daría lugar a unha denominación case xeracional: o grupo Galaxia, co mesmo ánimo que promoveu o nacemento da editora. Tras Piñeiro, os seguintes directores foron Carlos Casares e o actual, Víctor Freixanes.
Fundacións
Institucións de conservación. Ademais do traballo de publicación, nos sesenta e tres anos de historia de Galaxia, a editorial foi completando a súa actividade coa posta en marcha doutras institucións con obxectivos en algúns paralelos aos da editora. En 1963 naceu a Fundación Penzol que nos seus 50 anos de historia reuniu 50.000 referencias procedentes da colección de Fermín Penzol. Outras dúas fundación postas en marcha arredor da editorial teñen que ver con autores ligados á súa existencia: Otero Pedrayo e a Fundación Isla Couto.
Autores
Un catálogo histórico. Os autores ligados á Editorial Galaxia forman un catálogo histórico e único con nomes como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, López Cuevillas ou Rafael Dieste. Co paso dos anos, a editorial vai abrindo o abano ata completar un catálogo en canto a xéneros e a tipo de autores e historias. Incorpóranse coleccións infantís e xuvenís, como Árbore, e tamén aparecen as autoras galegas nos catálogos da editorial.