Despois de 28 anos á fronte da alcaldía de Pedrafita do Cebreiro (1.175 habitantes) e de tres décadas no PSOE, José Luis Raposo, un dos históricos socialistas da montaña lucense, deixa o partido, a Deputación de Lugo e a Fegamp, pero non a alcaldía, onde seguirá como independente. Tomou a decisión ao verse imputado na trama das multas que investiga un xulgado de Lugo. Con el, deixan tamén o partido os outros seis concelleiros socialistas que están agora no Concello, onde o PSOE goberna en maioría e o PP ten dous concelleiros. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, eloxiou a «responsabilidade» de Raposo e agradeceu a súa decisión, que «o honra». Ademais, mostrou a confianza na súa inocencia, e agarda «que sexa confirmada pronto».
-¿Alcalde, por que tomou esta decisión?
-Voume do PSOE porque non quero molestar a ninguén nin meter a Besteiro nun apuro, porque é unha persoa excelente e un gran político. Non quero que alguén se sinta molesto por saír na foto ao lado dun imputado, podo meter á xente nun compromiso. A min o código ético venme de atrás, non mo impón ninguén.
-¿Recibiu presións?
-Para nada, tomei a decisión hai un mes. Besteiro é dos que deixa decidir ás persoas. Faleino co partido e cos meus compañeiros do Concello porque non quero facer dano a ninguén. Pero foi unha decisión miña, eu non son dos que obedece e agocha a cabeza como o PP. Eu obedezo aos xefes cando teñen sentido das cousas; se non, digo ata aquí chegamos. É importante o código ético nun partido, pero tamén é necesario abrirse á sociedade.
-¿E tivo presións para quedar?
-Tiven moitas chamadas, de veciños, de políticos... interesándose por min. E recibín moitas chamadas de apoio e de recoñecemento ao meu traballo tanto por parte de alcaldes do PSOE coma do PP.
-¿Estuda deixar a alcaldía?
-Non o descarto se a cousa se pon fea, eu non estou agarrado a ningún sillón, non teño ningunha cadeira miña.
-¿Deixa a porta aberta para volver ao PSOE?
-Non me podo aventurar neste momento porque non sei o que durará este proceso, pero non, non pecho as portas. O que si aclaro é que eu non ando cambiando de chaquetas, teño a miña propia.
-¿Mantén a súa inocencia?
-Por suposto, iso que non mo toquen. Acúsanme de pedir que retirasen unha multa posta a un camión do Concello no 2007. Nunca tal cousa fixen. Pago moitas multas miñas, unha delas, en setembro, por pasar a 70 nunha zona de 40, e nunca pedín que mas retiraran, menos o vou facer para outro. ¿Que serían? ¿150 euros? No Concello temos superávit, isto é absurdo. Se non tramitaron a multa, foi culpa deles. Se me pillaran cartos en Suíza ou me rechearan as caixas dos puros con billetes de 500 seguro que iso xa tiña prescrito.