Ana Miranda: «O PP fala da coalición con Bildu para non facelo do noso traballo»
GALICIA
![](https://img.lavdg.com/sc/Jl7AGBHScVqO5IUfQg3jPskDtfU=/480x/2014/04/12/00121397260448239417645/Foto/.jpg)
Defende que a do Bloque é «a candidatura do país» para as europeas
12 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Eurodeputada do BNG durante ano e medio nesta última lexislatura do Parlamento Europeo, Ana Miranda (Cuntis, 1971) anda mergullada xa nunha intensa precampaña como cabeza de lista en Galicia dunha candidatura que o Bloque comparte con Bildu na circunscrición estatal. Miranda ve unha estratexia do PP nos ataques a esa coalición, sostén que as políticas de populares e socialistas son as mesmas, e proclama que a do BNG é a única «candidatura do país».
-Reclaman a xestión dos fondos europeos. ¿É o Estado o que os reparte mal ou a Xunta quen non os xestiona ben?
-O reparto é inxusto, pero a Xunta non establece boas prioridades nos fondos de cohesión. Mesmo no tema pesqueiro, lle cambiou o uso. O caso é que perdemos 2.500 millóns e a Xunta o presenta como un trunfo.
-Pero Galicia ten esa rede de seguridade sen a cal perdería moito máis de 2.500 millóns.
-Penso que hai que velo como un fracaso. A aterraxe suave da que fala a Xunta, que nós tamén defendemos en Bruxelas, é unha cuestión de xustiza, porque a situación da renda media galega na UE é ficticia. Nós conseguimos introducir a situación demográfica, que foi clave para obter esa rede de seguridade.
-Volverá ter que compartir o escano. Desta volta, con Bildu.
-O BNG leva demostrado dende 1999, cando foi Camilo Nogueira, que sempre defendemos os intereses do país. Primeiro con escano, despois sen el, e tamén compartíndoo, o BNG estará pelexando polo país, como sempre. A candidatura do país é a nosa. Somos o equipo da casa.
-En termos de representatividade, ir con ERC igual era máis rendible que con Bildu.
-É un tema superado. As relacións con ERC son moi boas e estaremos no mesmo grupo. Traballaremos pola maior representatividade para loitar contra os recortes da troika.
-Pero tentaron recuncar e mudar Bildu por ERC como compañeiro de viaxe.
-Nesta lexislatura xa estivemos con Eusko Alkartasuna e Aralar. Agora temos que presentarnos así, ao non haber circunscrición galega. O noso é representar a Galicia. Cantos máis votos teñamos máis tempo estaremos representando ao país.
-¿Na chamada á porta de ERC pesaron motivos ideolóxicos?
-Para nada. Son decisións que se entenden na clave catalana, da expectativa que viven para o seu país. A decisión do consello do BNG non é ideolóxica.
-Aínda así, viron que era necesario explicarlla ás bases.
-Pola reacción do PP [que sostén que ao coaligarse con Bildu o BNG pretende que os galegos lexitimen o terrorismo]. Presentámonos cun traballo feito. Que se nos deixe explicar que sabemos traballar e somos rigorosos. Hai unha estratexia do PP de falar da coalición con Bildu para non facelo do noso traballo. Cañete meteu a flota de Andalucía e deixou a nosa na casa.
-Vexo que non aplaude o retorno do ministro a Bruxelas.
-A súa xestión sempre foi moi negativa para Galicia. Non só coas vacas tolas e o Prestige. Acaba de facer que Galicia perda 300 millóns en investimentos no rural. Na negociación da política pesqueira, priorizou a acuicultura intensiva en lugar da extensiva, o marisqueo e os acordos internacionais.
-¿Terá o BNG un caladoiro propicio nas augas turbias da xestión dos grandes partidos?
-O que esperamos é que a xente esperte. Mostran dúas facianas, pero as políticas de PP e PSOE son as mesmas, con reformas laborais que son apisoadoras. Moitos dos seus votantes afectados polas preferentes recoñecen que é o BNG o que estivo sempre ao pé do cañón.
-¿E nesas augas que baixan revoltas en Anova?
-Temos contactos de xente de Anova que non quere votar por un partido da esquerda española [IU]. Este escano tamén foi deles. Quen queira que Galicia sexa defendida na UE cunha visión nacional, aquí ten unha amiga.