Alexandra Fernández: «Podemos obrigou aos galegos a manter unha postura humillante»
GALICIA
«Pola mañá dicíase que non e pola tarde acabaron votando que si», comenta a deputada de En Marea en Madrid sobre a postura dos seus compañeiros
15 feb 2019 . Actualizado a las 19:45 h.A deputada de En Marea Alexandra Fernández (Vigo, 1988) vén de votar en contra da tramitación dos orzamentos presentados por Pedro Sánchez. Ten unha valoración «negativa» do resultado final da votación, mais considera que non lle quedou outro camiño pola «falta de valentía» do presidente do Goberno «para negociar con todos os actores».
-Cales foron os seus motivos para votar contra as contas?
-Eran lesivas para Galicia. Foi, ademais, a posición unánime tanto no grupo parlamentario como na dirección de En Marea. Decidín manter a nosa postura diante da evidencia de que non había capacidade de chegar a un acordo co PSOE.
-Fíxoo co corazón ou coa cabeza?
-Coas dúas cousas, mais sobre todo coa cabeza. Os datos están enriba da mesa. No 2016 o orzamento para Galicia era de 1.300 millóns, e o que propuña o PSOE para este orzamento era de 757. Todo o recorte que conleva esta proposta eran recortes en capacidade de crear emprego en Galicia, en aposta de IDI [investigación, desenvolvemento e innovación] para que a xente moza non teña que emigrar... No concreto, supuñan empeorar as condicións de vida dos galegos e galegas. Con eses datos enriba da mesa, e máis coa ratificación da ministra de que non pensaba modificar este recorte do 20 %, ao revés, que era o que nos correspondía, era imposible dar un apoio a estes orzamentos.
-Cando decidiu o seu voto?
-Foi unánime dende o momento no que coñecemos as contas, e así o expresamos publicamente en reiteradas ocasións. En Marea dixo claramente que non ía votar estes orzamentos. Dende entón esta posición de voto estivo clara. Houbo conversas co Goberno, pero non se sacou nada.
-A título particular, considera axeitada a decisión de En Marea?
-Si. A Sánchez démoslle un cheque en branco na moción. Non podían pretender pedirnos outro diante duns orzamentos que supuñan unha involución sen paliativos para o noso país.
-Os seus compañeiros en Madrid xustifícanse con que teñen que cumprir ante as direccións dos seus respectivos partidos (Podemos, EU e Anova), e non diante da executiva de En Marea.
-Evidentemente nós presentámonos nunha coalición, pero despois dos acordos de Vigo a coalición transformouse nun único espazo político de confluencia. Non se entende que agora se queiran dar pasos atrás. En todo caso, penso que isto é desviar unha cuestión política de primeira orde, como os orzamentos do Estado e o proxecto estratéxico de En Marea para Galicia, cara a cuestións de carácter interno, escudarse no orgánico para evitar explicar por qué pola mañá se dicía que non e acabaron votando si.
-Por qué?
-Cónstame que houbo presións da dirección de Podemos para que os deputados de En Marea seguisen as súas directrices. Nunha situación, ademais, en que o voto negativo de En Marea non tería modificado o resultado final da votación: os orzamentos tombounos o fracaso das negociacións do Executivo coas forzas catalás. Tal como eu o vexo, foi un mandato da dirección de Madrid para obrigar aos deputados galegos a manter unha postura humillante.
-Falaba das negociacións co Goberno, cómo foron as conversas?
-Houbo uns deputados que se sentaron a negociar co goberno de forma unilateral. A organización non tiña información do que se estaba a plantexar e por iso se convocaron dúas reunións entre o consello das mareas e todos os deputados para que puxeran en común a información que tiñan e negáronse a asistir. A única información que tiven foi no día previo das votacións, cando os compañeiros informaron que non tiñan nin a primeira emenda pactada.
«Pasar ao mixto? Plantexeino, pero Anova decidiu aprazar o debate»
Fernández afirma que a única consigna que recibiu da dirección de Anova foi mediante «unha comunicación informal» co seu compañeiro de partido e na cámara baixa Fernán-Vello, que votou a favor da tramitación.
-Que opina da reacción de Beiras, aplaudindo o voto de Fernán-Vello para frear á ultradereita?
-Eu creo que esa aseveración non se sostén ante a realidade. O Goberno non sacou os orzamentos adiante precisamente por escoitar as voces da extrema dereita que lle dicían que non podía negociar coas organizacións que lle deron o apoio na moción.
-Qué balance fai do traballo de En Marea en toda a lexislatura?
-Creo que puxemos moitos temas importantes enriba da mesa, en canto a iniciativas creo que se fixo una gran traballo, pero é evidente que moitas veces estivo ensombrecido por esa tensión permanente entre unha vontade de trasladar a axenda política galega e unha vontade da dirección do grupo confederal de someter ao grupo galego á disciplina e á axenda da política madrileña de Podemos. Podemos equivócase tratando de someter a todos os deputados galegos, a todo o espazo galego, á súa propia axenda.
-Cómo é a coordinación dos cinco deputados en Madrid?
-Extremadamente difícil. Hai deputadas que iamos coa idea de que o grupo tiña que funcionar de forma autónoma e outros que consideraban que debiamos supeditarnos ás directrices do grupo confederal. A tensión foi sistemática ata o punto de que nos últimos tempos xa practicamente nin funcionabamos como grupo.
-Pasoulle pola cabeza pedir o ingreso no grupo mixto?
-Cheguei a plantexar en Anova a necesidade de dar un ultimato de que ou ben respectaban os acordos, ou ben debía plantexarse o do grupo mixto, pero Anova decidiu aprazar o debate.