Dimisións en Anova e Podemos tralos malos resultados da coalición Galicia en Común o 12X
GALICIA
Antón Dobao deixa a dirección da organización soberanista e José Manuel Pérez Afonso fai o mesmo no partido morado
25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Os malos resultados da coalición Galicia en Común nas eleccións autonómicas do 12 de xullo, nas que non acadou ningún deputado, desencadearon dúas dimisións nas últimas horas: a de Antón Dobao, un dos fundadores de Anova, e a de José Manuel Pérez Afonso, que fora o candidato de Podemos en Lugo nas eleccións municipais.
Dobao anunciou onte que abandona a dirección de Anova, na que ocupaba o cargo de responsable de relato desde o mes de decembro. Nun comunicado nas redes sociais, o escritor anunciou que presentou a súa dimisión esta semana polos «espantosos» resultados da coalición. A súa decisión súmase á anunciada por Martiño Noriega, tamén de Anova, tres días despois das eleccións de que abandonaba a primeira liña política.
Mentres, Pérez Afonso anunciaba onte a súa renuncia como integrante da dirección galega de Podemos, se ben continuará á fronte da organización na cidade de Lugo. Cualificou os resultados coma «un batacazo sen paliativos» e cre que Podemos Galicia ten que construír «unha organización centrada no territorio» e «escoitar ás bases».
Tamén analizou os resultados electorais Marea Atlántica, para quen foron «un fracaso sen paliativos», aínda que «non significan o fin do municipalismo en Galicia», afirman.
E o mesmo fixo a agrupación de Esquerda Unida en Vigo, que defende reforzar as súas bases e evitar alianzas limitadas a «intereses electorais».