Carmen Pomar: «Non son moito de arrepentirme»

Sara Pérez Peral
Sara Pérez LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

A exconselleira de Educación cre que o mundo da política e da universidade non teñen por que ser incompatíbeis. Segundo di, os dous comparten misión: o servizo á sociedade

14 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante dous anos, Carmen Pomar (Santiago, 1970) foi un referente feminino nun posto de gran responsabilidade para a súa filla, aínda que considera que a perdeu un pouco como nai nese tempo. Rematada a súa etapa como conselleira de Educación no contexto dunha pandemia, continúa a súa carreira política no Parlamento.

—Como é que chamen a unha e lle digan que xa non contan con ela?

—Sabíase que nesas horas despois da investidura ía haber decisións con respecto ao Goberno. Igual que lle dixen ao presidente que estaba á súa enteira disposición cando me nomeou, díxenlle que así seguía cando me cesou. Na vida isto non é malo, o feito de encaixar que nun momento estás nun lugar e noutro esteas noutro é unha boa aprendizaxe. Non sei se é porque son psicóloga, pero teño suficientes estratexias de adaptación ás circunstancias. O sentimento é de agradecemento.

—Decepcionouna a consellería?

—Para min foi unha honra que me nomearan conselleira, era algo que non entraba nos meus plans. Son unha persoa moi realista, sabía que por unha circunstancia ou estratexia podía saír.

—Que quería cambiar cando asumiu o cargo?

—Cando tes unha oportunidade así, o primeiro que pensas é que queres deixar a túa pegada especial, neste caso da miña maneira de ser e de entender a educación. E non fallar ao presidente, que foi quen depositou a confianza en min.

—Que consello lle daría á Carmen Pomar de hai un ano?

—Ás veces isto de mirar cara a atrás a toro pasado non vale de nada. Non son moito de arrepentirme, probablemente faría o mesmo.

—É raro para unha exconselleira estar no Parlamento?

—O feito de estar no Parlamento, como eu son unha persoa que emocionalmente se apega, e ao mellor isto en política non é bo, creo que me facilitou a transición.

—Considérase política ou muller de universidade?

—Creo que non é incompatible. Non sei se nacín así ou foi cousa do ambiente, pero o que me gusta é servir, o servizo á sociedade. Esa era a miña meta cando era profesora universitaria e traballaba en proxectos educativos. E iso tamén é a política, o servizo á sociedade. Creo que o podo facer dende distintos ámbitos e o que non quero perder é esa perspectiva, a de poñerme ao servizo, sexa onde sexa.

—Cal é a súa vocación?

—Axudar á xente. Nunha clase, na consellería, no Parlamento…

—Dedicou 20 anos da súa vida á xestión das altas capacidades e do talento.

—É un mundo moi complexo, descoñecido e apaixonante. Estiven moitos anos dedicada ao tema do talento e indirectamente sigo porque me seguen pedindo axuda. Hai moitos estereotipos. Dános a impresión de que o teñen todo moi feito e garantido, que van ter éxito e trunfar, que son perfectos en todo e que academicamente non teñen problemas. Hai que traballar moito máis por eles.

—Volverá á universidade?

—Estou a dirixir unha tese de doutoramento. Teño réxime de incompatibilidades e non teño relación en activo con nada porque son parlamentaria a tempo exclusivo, pero sigo dando seminarios e cursos dunha maneira altruísta. Non o vou deixar nunca.

—Vén dunha familia esixente no eido educativo?

—Na miña casa sempre se lle deu valor á educación nun sentido positivo, non académico. Veño dunha nai de ciencias puras e de pai de letras, non sei se foi a mestura explosiva da que saín. Non era unha persoa que necesitara moita disciplina e traballo porque é algo que levo dentro, sempre fun moi disciplinada. Na miña casa nunca tiveron que dicirme que me puxera a estudar ou a ler. De feito, creo que un dous meus defectos é que son excesivamente autoesixente comigo mesma e perfeccionista. Ás veces tiñan que frearme e dicirme: non estudes máis, vas agobiarte…

—Cal é o seguinte reto?

—Non sei se son os anos ou a pandemia, pero cada vez son máis presentista. Cando tes unha idade, o que queres é vivir o día a día e dar pequenos pasos.

—Gústalle cociñar?

—Quedaría moi ben dicir que si, pero non. Gústame ser pinche de cociña, teño un sentido da estética, de decorar unha mesa...

—Santiago é a súa cidade. Ten algún sitio especial?

—Neste momento é o monte Pedroso. Co tema do confinamento, aínda que eu estaba confinada na consellería, empecei a subir ao Pedroso para respirar e camiñar. Estamos en abril e levo un ano subindo cada vez que podo.

—Que fai para desconectar?

—Non teño moita facilidade para desconectar cando teño dificultades enriba das miñas costas. Unha das cousas que me desconecta é a miña filla. Coller a bici e dar un paseo con ela. Encántame pedalear.

—Como se describiría?

—Son unha persoa moi intensa en todo o que fago, moi implicada, e aínda teño unha certa parte de idealismo que creo que non se debe perder nunca.

—Algunha materia pendente?

—Escribir un libro, seguir viaxando e o Camiño de Santiago.

—Que é o importante na vida?

—A saúde e o amor dos teus.