Santiago Martínez Otero: «O do coitelo de pau é verdade»

GALICIA

SANDRA ALONSO

O ferreiro premiado pola restauración na forxa da catedral de Santiago di que está orgulloso de manter o oficio

15 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma este home hai poucos. Santiago Martínez Otero (Santiago de Compostela, 1967) é un mestre ferreiro e forxador, defensor das técnicas tradicionais e premiado por un organismo internacional polo seu traballo de restauración na catedral de Santiago. Apaixonado polo seu, investiga e difunde un oficio que é unha arte.

-Cantos colegas ten?

—En España, facendo forxa, podemos ser 120 ou 130. Pero ao nivel que o facemos en Galicia, como moito seremos sete.

-Iso fala do ocaso do oficio, pero, por outra banda, ao ser tan poucos seguro que os chaman con frecuencia.

—Eu son dos que din que a competencia é boa. Temos unha cantidade inmensa de patrimonio para conservar e, neste país, o que queremos é un turismo de calidade, non de botellón, non? Para ter turismo de calidade tes que ter as cousas como son, non variar deseños orixinais. Hai novos materiais que vemos que non son válidos para manter unha correcta restauración. Hai que manter as técnicas antigas para que o que veña detrás poda interpretalas.

-Fai vostede algún tipo de docencia?

—Por suposto. Tamén me contratan para feiras medievais ou atendo ao que se anima a vir polo taller e pregunta. E se está dado de alta nos autónomos igual botamos un sábado forxando no taller. Levo anos explicando técnicas para arquitectos e aparelladores nos másteres de rehabilitación e restauración na Universidade da Coruña e da de Santiago.

-Parécelle que esa semente prende, e que na próxima xeración en vez de sete serán setenta?

—Esa é a idea. Agora xuntámonos vinte ou trinta ferreiros de todo o Estado e facemos un encontro nunha aldea. Estamos todo o fin de semana forxando e deixamos alí unha esculturiña. Así, a xente que descoñece o oficio e ten interese pode manter alí contacto con nós, e pouco a pouco ir formando xente.

-Nas películas, os ferreiros son tipos duros, con brazos fortes.

—Nas películas, si. Na realidade hainos que teñen moito brazo e xente que non o ten, pero dá coa mesma potencia porque ao fin e ao cabo, é técnica. Estando quente, o ferro é un material moi fácil de dobrar. Pero hai que coñecer a técnica, claro.

-Como aprendeu vostede?

—Na escola taller de Santiago.

-Lin que, sendo cativo, pasou diante dunha forxa, entrou e quedou enganchado.

—É o lume, que sempre chama. Había un taller pequeniño de forxa na zona vella e ía de vez en cando a mirar para aquel home. Pouco a pouco foime levando e acabei alí.

-O lume sempre ten algo hipnótico.

—Ver traballar a esas temperaturas, a martillazos co ferro chama moito a atención. Nas feiras medievais, o que ten máis interese é o ferreiro. O lume ten ese duende no medio que... Na casa, prendes a lareira, e todo o mundo mira o lume, as formas que fai. E ver que podes meter o ferro e facer dende a cara dun dragón a un tizón, engancha. A min enganchoume.

-Estará contento co premio que lle deron.

—É o recoñecemento a trinta anos de traballo loitando contra toda a industria. Eu gaño máis facendo un portalón para unha finca que restaurando unha reixa de oito metros. Pero a forxa ten unha beleza que require sabedoría. A min doíame que isto morrera. Vostede vai por Santiago e si, as pedras están aí; pero houbo un ferreiro que tivo que facer as ferramentas para os canteiros. A min doíame ver que os ferreiros pasaban de ser os deuses das fraguas de Vulcano a pouco menos que chatarreiros.

-Para que o oficio se manteña ten que haber demanda.

—Demanda hai. Moita xente quere unha lámpada ou restaurar unha peza antiga e non atopa man de obra apropiada. Sempre hai cousas.

-Foi difícil o traballo na catedral de Santiago?

—Difíciles son todos os traballos, e máis cando atopas reixas de diferentes épocas. É complexo, difícil, pero coñecendo as técnicas, non o é. É moi laborioso, ten moitísimas horas de traballo.

-Séntese especialmente orgulloso dalgún traballo que fixera?

—De todos. Cada un ten a súa historia e a súa técnica. E sobre todo estouno de poder manter este oficio e de que toda a forxa que chega ás miñas mans saia nas mesmas condicións que tiña orixinalmente. Diso estou orgulloso.

-E hai algún traballo que lle gustaría facer?

—Gustaríame botar man dunha peza que hai en Compostela porque hai moitos detalles que non son orixinais. Está na zona vella de Santiago e é moi visible, pero non lle vou dicir cal é.

-Celta ou Dépor?

—Nin dun nin doutro. Fun futboleiro, pero dos equipos pequenos. Prefiro o boxeo.

-Boxeo?

—Si. Gústame de toda a vida. Din que é agresivo, pero máis agresivo e o fútbol onde se dan patadas, cúspense e provocan a corenta mil persoas nunha grada. No boxeo hai unhas normas e respéctanse.

-Defínase en poucas palabras.

—Inquedo, traballador, humilde, sinxelo e amigo de todo o mundo. E moi familiar.

-Sería capaz de explicar Galicia tamén en poucas palabras?

—Terra de meigas. Galicia é a aberta e divertida, con identidade propia e non somos europeos dende hai vinte anos; somos europeos dende hai dous mil anos.

-Que fai no seu tempo libre?

—Descansar. Tírome no sofá e desconecto do mundo. Aínda que non desconecto nunca.

-Sabería facer unha tortilla?

—E un cocido tamén. Eu son o número once dunha familia de trece. Meus pais ensináronnos a cociñar a todos. Homes e mulleres.

-Xa sabe o que din: na casa do ferreiro...

—O do coitelo de pau é verdade, ha, ha. Atendemos máis o negocio e a chegar a fin de mes que ao da casa, que dis: «Ca o farei, xa o farei», e nunca atopas o momento.

-Dígame unha canción.

—Que ten o meniño?, de Suso Vaamonde.

-Que é o máis importante na vida?

-A familia e o respecto. Así se vive en harmonía e en paz.