Entregan máis de 15.800 sinaturas para actualizar o Himno de Galicia

La Voz SANTIAGO

GALICIA

Entrega de sinaturas no Parlamento para a actualización do Himno de Galicia.
Entrega de sinaturas no Parlamento para a actualización do Himno de Galicia. XOÁN REY | EFE

A plataforma Vía Galega presenta unha ILP para para a súa restauración e difusión no Parlamento 

08 may 2023 . Actualizado a las 17:02 h.

Unha representación da comisión promotora da proposición de lei de Iniciativa Lexislativa Popular «para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión» presentou esta mañá no Parlamento 15.857 sinaturas que apoian esta demanda. Salientaron que son 5.857 máis que as 10.000 necesarias e cando aínda restaban outros dous meses para continuar a campaña. «Toda unha evidencia da necesidade e interese de facer oficial o texto orixinal do noso himno», explicou o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao.

O pasado 29 de novembro rexistraron a iniciativa e deron comezo á recollida de sinaturas que culminou este luns. Louzao agradeceu a total disposición das 30 persoas da comisión promotora, mais tamén a de cada unha das persoas asinantes e das entidades e organizacións que se implicaron na recollida de sinaturas. Especial mención fixo do profesor Manuel Ferreiro, a quen apuntou como «o artífice da monumental investigación que guía esta ILP e, por tanto, a restauración do texto real do himno».

Tamén valorou que deputacións e concellos, mediante declaracións institucionais ou aprobación de mocións, mostrasen o seu apoio á ILP, xunto con numerosas entidades e asociacións de diferentes ámbitos. «Agora, ten a palabra o Parlamento, quen ten a potestade de trasladar a lei de Símbolos de Galicia a letra fidedigna do noso Himno», engadiu.

O portavoz considerou «inxustificábel» que 38 anos despois de ser promulgada a Lei de símbolos de Galicia, de diferentes iniciativas parlamentares e das investigacións de Ferreiro, o himno «continúe coa letra deturpada». Indicou que este rexistro presentouse «por razóns de xustiza histórica e de reparación da verdade», xa que hai «moitas probas» que amosan cal foi o texto orixinal do himno de Eduardo Pondal, difundido inicialmente na Habana, que «por intervención de factores externos», como os propios linotipistas da prensa cubana, apareceu «con erros que se foron transmitindo». Así, Louzao puxo varios exemplos: «Se Pondal puxo ‘férridos’, non podemos dicir ‘féridos’, que é unha palabra que non existe, e se Pondal puxo ‘ignorantes’, a ver por que hai que establecer no texto un hiperenxebrismo, unha forma allea ao galego como “iñorantes”, do mesmo xeito que sós ou clan».

Sobre esta iniciativa, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, na rolda de prensa tras a reunión do grupo parlamentario, respondeu que o seu partido estudiará «coa importancia que merece» esta iniciativa, pero lembrou que en anteriores ocasións quedou «aparcada» por informes que desaconsellaban este cambio, como o da propia Real Academia Galega (RAG).