Antón Castro: «Picasso transformou o século XX»

GALICIA

Antón Castro es catedrático, crítico y comisario de arte
Antón Castro es catedrático, crítico y comisario de arte Xesús Búa

O catedrático, crítico e comisario de arte lamenta que non se teña creado en Muxía un museo de arte contemporáneo coas suás obras

16 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Castro Fernández (Muxía, 1953) é un home que librou mil batallas no mundo da arte e da cultura. Agora xubilado, foi catedrático de Arte Actual da Universidade Vigo, impartiu clases en La Habana, en Nova York, en Belas Artes de Salamanca, en Milán e en París, entre outros lugares. Crítico de arte, autor de dúas ducias de libros, foi comisario dunhas 130 exposicións. Agora é un dos artífices da mostra Picasso, branco no recordo azul. A Coruña 2023 que se pode ver no Museo de Belas Artes da Coruña.

—Das 130 exposicións, de cal está máis satisfeito?

—Sen dúbida, das dúas que fixen sobre Picasso, porque creo que significan recoñecer a importancia da Coruña no mundo picassiano. Picasso transformou o século XX. Fixen exposicións en vinte ou trinta países ao longo dos últimos 50 anos, pero a que agora se pode ver no Museo de Belas Artes é especial. Xa o título é identitario, unha especie de rémora proustiana que parte dun poema. O pintor, en 1935, nunha situación de crise, dedícase á poesía e a facer teatro, tamén. Era un gran escritor. E fai un poema evocando con determinadas palabras simbólicas a súa vida na Coruña. Así, téntase mostrar que quedou no todo Picasso, o que transformou o século XX, o que procede da Coruña. El mesmo pensaba así, e sería incomprensible sen a formación e a concepción política e ideolóxica, o compromiso da arte coa vida, cos temas, coas ideas e coa madurez que sendo un adolescente leva da Coruña. Se se quere comprender a Picasso hai que pasar pola Coruña.

Vostede dedicou a súa vida á arte, pero din que cando fala semella filósofo ou poeta.

Considérome unha persoa pluridisciplinar. A min interésame tanto a literatura, a poesía, por exemplo, e a narrativa, como a arte. Son lector dende neno, influído polo meu avó. A dimensión poética na escritura interésame moitísimo. Non podo concibir a escritura sen esa dimensión. Cando un está na universidade ten que se dedicar á investigación, moi elitizada. Agora acabo de terminar un libro sobre Lorca en Santiago MáxicaLorca Compostela, no que analizo as viaxes de Lorca en cor a partir de Romancero Gitano e Poeta en Nueva York.

Que pouso lle deixou o seminario de Santiago?

—A miña vida no seminario foi importantísima. Unha etapa pola que estou moi agradecido, por ese profundamento no espírito, e por crearme unha autodisciplina intelectual. É curioso, eu comecei alí a reforzar a miña actitude diante do debuxo e a arte. Penso que consolidou unha mirada espiritual moi grande en min, que é a que teño hoxe.

Antón Castro
Antón Castro Pilar Canicoba

Que foi do seu soño de crear un museo de arte contemporánea en Muxía con toda a obra que ten e que quería ceder?

Foi unha oportunidade perdida. Produciume moita desazón. Eu quería facer un depósito das miñas obras de arte orixinais, galegas, españolas e algunhas internacionais. Son unhas duascentas, non sei se son moitas ou poucas, ao principio, porque iso poderíase ir incrementando. Non puido ser. Non se mantivo o acordo coa Xunta. O Concello xa cedera os terreos, había unha subvención. Estaba todo apalabrado. En fin. Eu teño aí esas obras, incluso a miña biblioteca de arte, que algún día podo facer un depósito ao pobo, pero ten que ser nunhas condicións idóneas, que non se deron.

Din que é máis muxián que a Pedra de Abalar.

Evidentemente, na infancia como patria teño uns recordos que nunca se esquecen. Eu vivín en moitos sitios, en Francia, en Italia, en Estados Unidos, en Alemaña, en Madrid, en Barcelona, en Lausana, e logo en Galicia, Santiago, Pontevedra e outros pobos, pero, ao final, eu creo que Muxía é un punto de fixación espiritual, tamén, e por que non dicilo, familiar. A familia é un punto de fixación, é unha referencia que está aí sempre e é fundamental para vivir. E, sobre todo, unha referencia moral.

Cando estivo á fronte do Instituto Cultural de España tivo unha preocupación especial por A Barca de Muxía.

Fixen unha tese, no 79, sobre os santuarios da Barca, tradición, arte e lenda. Quixen poñer en valor algo que aínda non é BIC, o santuario da Barca, porque me parecía vital ligalo a unha concepción civil, non só relixiosa. Ligaba a iso o museo dos naufraxios, que é unha idea que veño propoñendo dende hai 30 anos. Estaría na casa reitoral, fronte ao santuario, ao lado do mar. Tratabamos de poñer en valor un núcleo máis aló do sentido relixioso.

Tampouco puido ser.

Investimos aí medio millón de euros. Coa casa reitoral sufrimos o engano do Arzobispado. Portouse moi mal, lamentablemente mal. Restaurouse con diñeiro público para musealizala. E cando tiñamos o edificio preparado, o arcebispo nin sequera nos quere recibir. O auténtico culpable de que non haxa ese museo dos naufraxios é o arcebispo. Culpo a ignorancia, a impericia e o mal facer do Arzobispado, polo menos en Muxía.