Luis Tosar, Zaza Ceballos e a Academia Galega do Audiovisual recibirán a Medalla de Ouro de Galicia
GALICIA
Rueda eleva o audiovisual galego como «vital» para a difusión de Galicia
15 jul 2024 . Actualizado a las 13:45 h.O audiovisual galego será protagonista na entrega de Medallas de Ouro de Galicia deste ano, que se celebrará o próximo 24 de xullo. O actor Luis Tosar, a produtora Zaza Ceballos e a Academia Galega do Audiovisual recibirán a máxima distinción de honra que concede a Xunta a persoas ou institucións para salientar a aqueles que, dentro ou fóra do país, «puxeron como razón das súas actividades, e mesmo da súa existencia, o quefacer diario de Galicia», ou a aqueles que «polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade social, cultural ou económica, sexan dignos de obter o recoñecemento do pobo galego».
Así o acordou este luns o Consello da Xunta, presidido por Alfonso Rueda, que definiu o audiovisual como «vital na difusión de Galicia». «Nos últimos anos intentamos seguir un motivo que aglutina a todos os premiados», lembrou o xefe do Executivo galego, citando aos premiados polo seu traballo durante a xestión da crise sanitaria do covid, aos homenaxeados por difundir o Camiño de Santiago en 2022, con motivo do Ano Xacobeo, e o patrimonio musical galego «con tres artistas destacadísimos» como foron Luz Casal, Carlos Núñez e Juan Pardo.
«Este ano queremos poñer en valor o noso audiovisual, un puntal cultural, artístico e económico», subliñou Rueda, que abondou en que os homenaxeados deste ano teñen «motivos abondo para recibir a maior distinción» que outorga Galicia.
Luis Tosar, nado en Cospeito en 1971, é un dos actores máis recoñecidos e versátiles do panorama cinematográfico español. A súa carreira comezou no teatro e na televisión galega, con series de enorme éxito como Mareas Vivas, pero axiña deu o salto ao cine. Pai de dous nenos, León e Luana, recibiu o seu primeiro Goya polo film Os luns ao sol (2002), como mellor actor de reparto, e xa como protagonista polas películas Te doy mis ojos (2003) e Celda 211 (2009). Ten participado activamente en proxectos que promoven o idioma e a identidade de Galicia, e tamén ten unha faceta musical como cantante do grupo Di elas.
Zaza Ceballos é unha produtora e directora galega que, segundo destacou Rueda, promoveu a «igualdade entre homes e mulleres e a difusión da cultura galega» co seu traballo dende a produtora Zenit, empresa que fundou e dirixe na actualidade. Entre a súa filmografía salientan películas como Elisa e Marcela, Contou Rosalía ou Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde. A Academia Galega do Audiovisual, pola súa banda, conta con más de 20 anos de traxectoria y medio millar de asociados. Fundada co obxectivo de fomentar a creación, a produción e a difusión de obras audiovisuais galegas, a AGA organiza diversos eventos, entre eles os Premios Mestre Mateo, que celebran anualmente os mellores traballos en cine, televisión e novos medios.
Unha medalla para bos e xenerosos
A Medalla de Ouro de Galicia é unha xoia octogonal, alongada, de 50 milímetros no seu eixo maior e de 42 milímetros no menor. No anverso da xoia, sobre fondo de ouro, figura o escudo de Galicia, coas súas cores, e baixo o escudo corre en letras de ouro, sobre fondo azul, a lenda: «Ós bos e xenerosos». No reverso figura gravada a data de concesión, a lenda Xunta de Galicia e o nome do condecorado.