Amalia, filla de Alexandre Bóveda: «O respecto polos dereitos humanos é lexislar para conquerir os das vítimas e é un propósito identificable e necesario para calquera demócrata»
GALICIA

Conmemoración reivindicativa na Caeira, no Día da Galiza Mártir, coa presenza dos alcaldes de Poio e Pontevedra, o vicepresidente da Deputación e o conselleiro de Cultura
19 ago 2024 . Actualizado a las 18:42 h.As palabras de Amalia Bóveda foron o discurso máis esperado de cantos se deron este sábado pola mañá na Caeira, o lugar de Poio que mira a Pontevedra e no que hai 88 años o seu pai Alexandre Bóveda, un dos galeguistas máis importantes a principios do século XX, foi fusilado polos franquistas. Amalia Bóveda púxose diante do público que acudíu aos actos do Día da Galiza Mártir, para expoñer, cunhas breves palabras unha plena reivindicación do que supuxo o seu pai e aqueles que foron executados con el. «Non se conmemora porque si, en abstracto, senón desde un espazo e un tempo concretos e cuns propósitos identificables», indicó. A continuación, engadiu: «O respecto dos dereitos humanos é lexislar para conquerir os das vítimas é, por exemplo, un propósito identificable e necesario para calquera demócrata». Recordou que a conmemoración e tamén a reclamación de Alexandre Bóveda «como patrimonio de toda a sociedade galega» tardou en chegar, mais agora que o é a súa filla insiste en que «non se debe parar».
Entende Amalia Bóveda que hai que «reivindicar para todos as políticas públicas da memoria, que lles e nos pertencen porque a súa herdanza levaba implícito ese compromiso, celebrar e orzamentar a súa memoria». No mesmo lugar onde foi asasinado o seu pai, fixo unha defensa da súa figura e de todos que padeceron o mesmo fin, como un modelo de vidas «que compoñen unha verdadeira lección e velaí a derradeira».
As emotivas e meditadas palabras de Amalia Bóveda foron as máis esperadas, pero non as únicas nesta xornada reivindicativa na Caeira. Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, describiu así a Alexandre Bóveda: «É o científico, o home dos números, o agromensor, o noso facendeiro, o home da Administración que sabe que Galiza sabe defenderse a si mesma, que ten grandes potencialidades non so na lingua, senón na economía». Apuntou que ao lado dos poetas aportou esa visión como «o gran pensador económico de Galiza e el so nos deixou un montón de deberes, que temos que seguir defendendo unha lingua, unha cultura e administrar axeitadamente os nosos recursos».
Asemade, o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero, manifestou a súa adhesión a todos os actos memoriais que se realizan en Galicia todo o ano.Reivindicou o estudo e difusión da figura de Bóveda, cristiá, «absolutamente demócrata, nacionalista, referente pois que nos convoca e nos aglutina».
Por outra parte, deuse o recoñecemento ao investigador Manuel Pazos co Premio Alexandre Bóveda, como autor dun profundo traballo sobre a represión franquista na comarca de Ordes, do que deu tamén un resumo.

Aínda que a presenza de cargos orgánicos e militantes do BNG e do PSOE era maioritaria no acto da Caeira, tamén estiveron presentes dirixentes do Partido Popular, como o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, que tamén é portavoz municipal do PP en Pontevedra, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o conselleiro de Cultura, José López. O titular autonómico cualificou o fusilamento do dirixente galeguista hai 88 anos atrás como «unha desgraza inxustificable». O conselleiro apuntou que Bóveda é un «referente» para todos os galegos, independentemente das sensibilidades políticas de cada quen. «Creo que hai moitas formas de amar e de construir a Galicia do futuro pero estou convencido de que entre todos somos capaces de facelo nunha forma intelixente, baseada no consenso e no debate necesario».

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, expresouse nos mesmos termos.«Creo que hoxe é un día importante, onde persoas con ideas distintas, proxectos políticos distintos, poñamos en valor o que representa Bóveda». Engadíu o rexedor: «A mellor homenaxe que lle podemos facer a Alexandre Bóveda é ir polo eido do consenso. Creo que as confrontacións, os protagonismos, non son o mellor camiño para facer esa homenaxe». Concluiu: «Desde o Concello de Poio condenamos todas as dictaduras, ninguén ten que ser sinalado por pensar distinto, e todo o mundo ten que ter a liberdade de decidir e pensar libremente».
Ana Pontón: «Non pararemos ata que se xulguen todos os crimes do franquismo»
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén compareceu ante a prensa minutos antes do comezo do acto institucional na Caeira, ao que asistíu como público. Afirmou: «Bóveda foi o mártir que simboliza hoxe ás miles de persoas fusiladas en toda Galiza naquel terrible 1936», persoas coas que o BNG «ten un compromiso claro, o de que haxa xustiza, verdade e reparación». Pontón anunciou que «non cesaremos ata que se xulguen todos os crimes do franquismo».
Asemade, Pontón aproveitou a celebración do Día da Galiza Mártir para reivindicar una facenda autonómica propia e reprochou a súa actitude á Xunta do popular Alfonso Rueda. Contrastou a Rueda con Bóveda. Desde último dijo que foi un «adiantado ao seu tempo e leal a Galiza» porque, entre outras cousas, deseñou un novo modelo de Facenda galega pensado para «para recadarmos nós, desde aquí, todos os impostos». Apuntou: «Xusto o contrario do que representan o Partido Popular e Alfonso Rueda, que neste debate do financiamento igual ca noutros temas están traballando en contra dos intereses de Galiza e de maneira desleal co noso país». Afirmou sobre o PP que «en lugar de defender que os galegos teñamos a chave dos nosos cartos, o que está defendendo é que esa chave siga en Madrid».