Google Maps, onde Escornabois e Laxe conviven con Castrelo del Valle e Puenteareas
GALICIA
Dende Google apuntan que os propios gobernos locais poden enviar os seus datos á aplicación
26 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Rianxo ou Noia están de celebración porque xa non atopan en Google Maps as formas deturpadas dos seus topónimos, dicindo adeus a nomes non oficiais como Rianjo e Noya. Pero noutros puntos de Galicia aínda rañan os ollos cando buscan a súa ubicación nesta popular ferramenta.
Ourense capital, por exemplo, deixou de ser Orense, pero a non tantos kilómetros, Sandiás segue a ser sobre o mapa dixital Sandianes, e Castrelo do Val convértese, nunha peculiar mestura de galego e castelán, en Castrelo del Valle. Na mesa provincia, a aplicación de mobilidade tamén mantén topónimos deturpados como La Bola, La Merca (curiosamente, máis ao norte, A Coruña si perdeu o L do seu artigo), Villar de Santos, Villar de Barrio ou Carballino (con N e sen artigo diante).
No resto de Galicia tamén conviven formas oficiais e non oficiais. Así, mentres A Pobra do Caramiñal aparece co nome correcto, A Pobra de Trives e a do Brollón aparecen transmutadas en Puebla del Brollón e Puebla de Trives. De pouco serve tamén ser concellos veciños, porque a carón dun oficial Pontedeume aparece un castelanizado Cabañas. E algún municipio ata figura coas dúas formas, como Viana do Bolo/Viana del Bollo ou Tuy, que non obstante transfórmase no galego Tui cando se trata de ubicar o parador ou o paseo fluvial desta localidade.
Mesmo dentro dun mesmo municipio, o nome do concello pode ser correcto, como o de Viveiro, e o dalgunha parroquia non, como sucede con Celeiro, que figura co non recoñecido oficialmente Cillero. Outros lugares teñen máis sorte, e con nomes que a ninguén lle deu nunca por traducir, figuran co seu topónimo orixinal, como sucede coa parroquia de Escornabois (concello de Trasmiras), que afortunadamente non aparece no mapa como Ciervo volante. Porén, o concello do Valadouro, na Mariña lucense, si sofre unha tradución. Tanto Google Maps, como a busca de Google ou a Wikipedia teiman en chamalo Valle de Oro.
Puenteareas, Irijoa, El Grove, Isla de Arosa, Villanueva de los Infantes... Son outros dos exemplos de topónimos non oficias que poden atoparse nestes mapas dixitais tan populares e utilizados.
Explicacións de Google
Por que esta mestura de nomenclaturas? Á espera dunha investigación máis polo miúdo, desde Google aseguran que empregan varias fontes para actualizar os mapas «incluídos datos de terceiros, información de autoridades locais, contribucións da comunidade de Google Maps, ademais de imaxes satelitais e de Street View». E engaden que tamén ofrecen aos gobernos locais a posibilidade de enviar os seus datos á aplicación a través dunha ferramenta chamada Maps Content Partners.
Ferramentas que algúns concellos están máis que dispostos a empregar. E ó caso de Vilagarcía, que aínda figura co non oficial pero todavía empregado por algunhas persoas Villagarcía de Arosa. «É a primeira noticia que teño de que non aparecemos co topónimo oficial en Google Maps, pero se é así non dubidaremos en pedir o cambio para que se empregue a toponimia legal», indica Alberto Varela, alcalde socialista desta vila da comarca do Salnés.