Celebrar a identidade da Galicia máis ambiciosa

Alfonso Rueda PRESIDENTE DE LA XUNTA

GALICIA

La Voz de Galicia

Discurso íntegro do presidente da Xunta na 66ª edición dos premios Fernández Latorre

14 nov 2024 . Actualizado a las 17:48 h.

Núñez Feijoo e Pérez Touriño; alcaldesa da Coruña; alcalde de Arteixo; alcalde de Vigo; delegado do Goberno; presidente do Parlamento; restantes autoridades —hoxe hai moitas aquí—, representantes das principais institucións da vida civil galega; familia —hoxe creo que sodes unha familia máis que nunca— da Corporación Voz de Galicia, encabezados por Salomé Fernández-San Julián e Lois Blanco, pero representando a moitísima xente, como aquí se dixo.

Deixo para o final ao homenaxeado de hoxe. Creo que é a mostra palpable de que Santiago Rey fixo as cousas ben ata o final, e polo tanto unha das súas últimas decisións foi a de propoñer a quen hoxe recoñecemos, e creo que o recoñecemos tamén a el a través do premio que hoxe entregamos.

Querido Juan Carlos Escotet, noraboa. Falarei na segunda parte da miña intervención de por que creo que foi unha decisión —por suposto de todo o xurado, pero especialmente de Santiago Rey— afortunada e acaída.

Hoxe efectivamente, xa se dixo aquí, creo que todos o temos na cabeza, non é unha edición dos premios como as anteriores. É unha edición solemne, unha edición onde se reúne creo que o que é unha representación de Galicia. Da Galicia variada, da Galicia plural, da Galicia potente que queremos construír entre todos.

Pero non é o mesmo que outras veces loxicamente. Falta Santiago Rey Fernández, Latorre, e falta despois dunha vida plena ao servizo do xornalismo, comprometido cos valores que definen as democracias e ao servizo de Galicia, desa Galicia que Santiago levaba sempre no corazón. Esa foi a miña impresión desde o primeiro día que o coñecín.

Santiago entendía Galicia desde unha visión ambiciosa, unha Galicia que tiña que ser dona do seu presente e do seu futuro, unha Galicia que el consideraba plenamente integrada, en dereitos e en deberes, na España constitucional da que formamos parte, e na Europa comunitaria á que pertencemos por historia e por vocación. Iso defendíao sempre.

Eu sei ben, creo que o sabemos todos, que a súa ausencia vai ser imposible de reemprazar, pero tamén estou seguro de que o seu exemplo, o seu recordo, a súa presenza, tennos que axudar en moito.

Esa lembranza inspiradora, para cantos tiveron ocasión de traballar con el, desde os que traballaban, traballades a diario, ata os que tiñamos o privilexio de tratalo. Iso sentín, ese é polo menos o sentimento sincero: a súa cercanía, o seu aprecio e tamén as súas críticas.

Eses Yo protesto directos, que había que ler sen escusas e ás veces con precaución, e que todo aquel representante da vida pública, con obrigas públicas, con responsabilidades públicas, tiñamos a obriga ineludible de ler con atención e de reflexionar sobre o que nel se dicía. 

Pero a vida segue e os proxectos con futuro teñen que seguir, e se poden seguir con máis forza. E polo tanto a capacidade profesional desta gran familia da Corporación Voz de Galicia que encabeza Lois Blanco é herdeira do legado de Santiago, e polo tanto ten a responsabilidade non só de mantelo senón de aumentalo. Estou seguro de que é o que el quere alá onde estea. 

Polo tanto esa forza e a obriga de manter ese legado e acrecentalo constitúe a mellor garantía de futuro para esta gran familia e para este grupo de empresas que integran a corporación. 

Representa La Voz de Galicia unha cabeceira que atesoura unha longa historia. La Voz de Galicia reflexou durante toda a súa historia moitos acontecementos. interpretounos, defendeunos, explicounos: ese é o verdadeiro xornalismo. Foron as súas páxinas testemuña de moitísimas cousas. 

Pero creo sinceramente, e comigo pénsao moita xente, que nunca como nestes momentos a importancia dun xornalismo profesional e responsable resultou tan necesaria. Refírome como moitos poden imaxinar ao perigo certo, latente, presente, da desinformación. Con todos os seus perigos, as súas ameazas. 

Unha ameaza principal para os sistemas democráticos que se basean nunha información obxectiva que permite formar vontades e tomar decisións de xeito obxectivo e que hoxe está francamente ameazada. E mais paradoxalmente a liberdade de información, que caracteriza, como digo, aos estados democráticos, é obxecto dun uso perverso, especialmente polos inimigos da democracia. 

Hai exemplos de sobra, acabámolo de ver, citábase aquí a traxedia da DINA. Vimos como, enfrontándonos a unha catástrofe de dimensións históricos, todos eses contratempos non impedían intentos de desinformación, que hai que denunciar e combater. O primeiro que o fixo foi a Súa Maxestade o Rei Felipe VI. 

Xunto a eses intentos de desinformación, por suposto hai que poñer de manifesto e seguir defendendo e enxalzando esa capacidade e esa solidariedade de todas as xentes de España. A min tócame falar en nome dunha Comunidade autónoma, pero eu creo que todas as comunidades autónomas, e quero aproveitar ademais para agradecer ás representantes políticos galegos que hoxe están aquí de todas as cores que non tivemos ningunha discusión nin ningunha dubida en que, se se necesitaba axuda, había que enviala. 

Eses máis de 300 efectivos humanos, eses medios enviados por Administracións, insisto, de todas as cores, creo que son o exemplo de como entendemos a solidariedade en Galicia. 

Polo tanto, vai desde aquí un abrazo agarimoso a todas esas persoas. Moitas delas están retornando, xa retornaron, e algunhas delas están relevando aos que volven para seguir botando unha man mentres faga falta desde Galicia. 

Polo tanto, esa é outra maneira de combater esa desinformación. Así, recuperando o crédito nas institucións, e apoiándose no bo periodismo. Sinceramente creo que así o entendemos tamén en Galicia, así foi nestes últimos anos desde o Goberno da Xunta de Galicia. Así ten que seguir sendo, é desde logo o meu empeño como presidente, e así debería, estou seguro de que vai ser, tóquenlle a quen lle toquen as responsabilidades no futuro. 

Dicía que quería referirme tamén ao noso protagonista de hoxe. A Juan Carlos Escotet. Primeiro para felicitalo: hoxe é un día de celebración tamén, dentro da tristura de non ter a Santiago Rey. Xa digo que é o exemplo dunha das súas últimas decisións. 

E creo sinceramente que elixiu ben, é un galardón merecido. Creo que todos o foron, polo menos da memoria que teño dos Fernández-Latorre. Houbo moito coidado sempre no xurado en escoller persoas que todo o mundo entendera desde o primeiro momento, unha vez que se coñecía o nome, que eran nomes ben escollidos. 

Creo que neste caso se cumpriu tamén, agora Juan Carlos entras a formar parte desa nómina de galegos bos e xenerosos que durante 66 edicións deste premio foron designados como representantes dunha sociedade galega que se reinventa e que mellora ano a ano. 

El dicíao, leva máis dunha década coñecéndonos en profundidade. Fillo de emigrantes, que seguro que lle transmitiron o valor de non perder as raíces, o valor de facer progresar os lugares onde estás sen esquecer nunca de onde viñeches. 

E creo que esa foi a combinación perfecta para que hoxe en día sexas o máximo responsable doutra gran familia, dunha entidade financeira sólida, unha entidade financeira ao servizo de moitas empresas e de moitos particulares. Que mima a unha obra social tamén que medra sen parar, que é moi importante. E que todo iso constitúe un traballo sinceramente creo que de éxito. E ademais recoñecendo, moi importante, referíame antes ás raíces, que estades ben ancorados aquí, a sede en Galicia e alardeando en todas partes, por moito que se medre, desa identidade galega que ademais todo o mundo identifica, recoñece, e estou seguro que tamén vos serve de axuda. 

Tedes unha historia curta pero eu creo que intensa. Apenas en dez anos, desde unha situación moi complicada conseguistes, e Juan Carlos Escotet tivo que ver moitísimo niso, croe que todos o sabemos, que a día de hoxe sexades unha entidade potente, asentada, que merece a confianza de moítisimos galegos. Que temos fama de desconfiados, pero iso tamén nos serve para que cando alguén merece a nosa confianza apostamos sen ningunha dúbida, cando non se defrauda. E creo que iso ao final é o que explica un éxito dunha empresa que naceu en tempos moi difíciles.

Polo tanto, moitas grazas e moitos éxitos. Grazas a ti, Juan Carlos, por apostar por Galicia, por entender que un éxito empresarial sempre é moito mellor se vai aparellado ao éxito da terra na que se desenvolve. E grazas á Corporación Voz de Galicia. 

Grazas por todo o traballo de todos estes anos, grazas por superar, na miña humilde opinión, un momento moi difícil, non esquecendo o legado de quen o fixo posible. E grazas por seguir mirando cara adiante. 

Esa mirada crítica, esa mirada construtiva, esa mirada independente, a veces pode gustar máis ou menos segundo che toque, pero é o camiño. É o que hai que facer. E Galicia prosperará se ten medios de comunicación fortes, se combatemos, insisto, desde a credibilidade das institucións -iso é responsabilidade dos políticos pero necesitamos que a guerra da desinformación se dea desde medios e profesionais cribles—. E creo que a Corporación Voz de Galicia cumpre con iso perfectamente. 

Polo tanto parabéns e moitísimas grazas por invitar á Xunta de Galicia a formar parte de todo isto. Moitas grazas.