Pontón reivindica o seu compromiso pola lingua e carga contra Altri no seu discurso de fin de ano
GALICIA
«As vosas vidas son moito máis importantes que calquera multinacional», proclama nunha mensaxe dende a Alameda de Santiago
30 dic 2024 . Actualizado a las 13:39 h.A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, escolleu de novo a Alameda de Santiago, como fixera na súa felicitación de Nadal cantando unha panxoliña xunto ao exdeputado e músico Mini, para enviar a mensaxe dos nacionalistas de fin de ano. Mudou a localización no parque compostelán, desta vez xunto ao monumento erixido a Rosalía de Castro, para reivindicar o compromiso da súa formación co idioma nun momento no que se debate a renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua.
Salientou a poeta como paradigma da «Galiza en grande» pola que o BNG «pelexa cada día», e que definiu así: «Feminista e de mulleres libres e iguais, como a que defendía Rosalía, que nos deixou como legado a súa poesía universal en galego». «Non imos permitir que ninguén nos roube o noso idioma», engadiu en referencia á crítica situación que vive o galego, evidenciada polo último estudo do IGE.
Pontón comezou agradecendo «de corazón» a confianza depositada na súa candidatura nas eleccións de febreiro, nas que os nacionalistas lograron o seu mellor resultado pero sen alcanzar o obxectivo de acadar a Xunta. «O voso apoio permítenos ter máis forza ca nunca para traballar por unha Galiza mellor, onde poidamos facer realidade os nosos soños», proclamou a líder do Bloque.
Nesa liña, defendeu que non vai «escatimar esforzos para achegar solucións». «Desde a humildade pero coa máxima ambición, porque para iso debe servir a política: para construír unha Galiza mellor que poña as persoas no centro», comprometeuse a portavoz nacional, seguindo a estratexia definida polos nacionalistas dende o inicio da lexislatura de fiscalizar a acción do goberno da Xunta e achegar solucións desde o liderado da oposición.
Unha desas reivindicacións é, precisamente, o proxecto de Altri en Palas de Rei, ao que Pontón dedicou parte do seu discurso despois da multitudinaria manifestación que percorreu as rúas de Santiago hai dúas semanas. «Milleiros de persoas unímonos contra esa bomba ambiental que nos queren colocar no corazón de Galiza», comentou, amosando o seu «orgullo» de formar parte «dunha cidadanía que loita polo seu futuro».
«Estou con vós, porque as vosas vidas son moito máis importantes ca calquera multinacional e porque as futuras xeracións merecen que coidemos o noso territorio e o medio ambiente», continuou, enumerando tamén outros desafíos, como a sanidade e a educación públicas, unha vellez digna, o dereito da mocidade a facer realidade os seus proxectos de vida ou o impulso da ciencia e do coñecemento.
«Son moitos os retos, pero tedes o meu compromiso de que vou dar o mellor de min para estar á vosa altura. Teño como exemplo a Rosalía e a todas as mulleres que nos ensinaron a avanzar, paso a paso, sen renderse nunca», despediuse para desexar á cidadanía galega un feliz 2025.