O PSdeG reclamará á Xunta que se posicione sobre o uso do galego na Eurocámara
![Manuel Varela Fariña](https://img.lavdg.com/sc/sebc7XDN9C3I9Y2ln7pNRMHCSiw=/75x75/perfiles/1521651711129/1717591988541_thumb.jpg)
GALICIA
![](https://img.lavdg.com/sc/FoRkYycAhKe7sM8XQf49m9mmAWc=/480x/2025/02/06/00121738857661922319391/Foto/efe_20250206_123713724.jpg)
Os socialistas acusan aos populares de boicotear a proposta para que as linguas cooficiais poidan empregarse en Bruxelas
06 feb 2025 . Actualizado a las 17:02 h.O PSdeG pedirá no Parlamento galego que o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, se pronuncie sobre o uso do galego nas institucións europeas, unha medida que se está a debater en Bruxelas e que, segundo denunciaron este xoves os socialistas galegos, os populares pretenden «boicotear». Nunha rolda de prensa conxunta, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e, a través dun plasma desde a Cámara comunitaria, o eurodeputado Nicolás González Casares, manifestaron que o PP está «bloqueando» este recoñecemento.
«Queremos unha resposta clara. Non valen máis escusas nin evasivas. A Xunta ten que defender o galego sen ambigüidades», advertiu a deputada Silvia Longueira, que compareceu xunto a Besteiro. O secretario xeral, pola súa banda, lamentou que o Partido Popular impida a oficialidade do galego no Parlamento Europeo mentres o presidente Alfonso Rueda «fai propaganda cun suposto pacto pola lingua sen garantir compromisos reais». Besteiro esixiulle ao xefe do Goberno galego que aclare se vai defender o galego ou se seguirá «consentindo o veto do seu partido en todas as institucións».
Contrapuxo esta actitude coa súa experiencia persoal, lembrando que foi el quen, na súa etapa como deputado no Congreso, defendeu desde a tribuna da Cámara Baixa o uso das linguas cooficiais nas Cortes españolas, iniciativa contra a que votara o PP. «Todo o que fagamos redunda na dignificación da nosa lingua», engadiu Besteiro, quen instou a Rueda a «non calar e asentir ao que lle din en Madrid».
O eurodeputado Nicolás González Casares explicou que o Parlamento Europeo xa permite a interpretación de varias linguas oficiais dos Estados membros, pero o galego «segue sen ese dereito». «Isto non é unha cuestión técnica, é unha cuestión de dignidade e de igualdade de dereitos», afirmou, antes de reprochar que «mentres os gobernos vasco e catalán apoian activamente esta medida, o único que cala e pon escusas é o Goberno de Galicia».
Neste contexto, os socialistas galegos interpelarán ao conselleiro no pleno da próxima semana para que explique cal é a posición da Xunta ante «este novo veto do PP» e se asumirá algún compromiso para reverter a situación.
O grupo de traballo de linguas do Parlamento Europeo, encargado de avaliar a posibilidade de usar o catalán, éuscaro e galego nos plenos desta institución, debateu este martes o enfoque legal da proposta e a situación doutras linguas con recoñecemento constitucional na UE. Nel están presentes o socialista Javier López e o popular González Pons, en principio contrario á oficialidade dos idiomas cooficiais na Eurocámara.