O Parlamento de Galicia recoñece a Real Academia Galega de Belas Artes, Afundación e Ramón Villares coa súa Medalla de 2025

GALICIA

O galardón non foi entregado o ano pasado debido a disolución do Parlamento con motivo das eleccións galegas e o inicio da nova lexislatura
04 mar 2025 . Actualizado a las 13:54 h.A Medalla do Parlamento de Galicia recoñecerá neste 2025 o labor da Real Academia Galega de Belas Artes, da Afundación-Obra Social Abanca e do historiador Ramón Villares, segundo acordou este martes a Mesa da Cámara autonómica. Segundo o comunicado remitido despois da súa xuntanza, o lexislativo valora nos tres homenaxeados á súa «contribución á conservación e divulgación do patrimonio artístico e cultural» da Cámara galega.
A Real Academia Galega de Belas Artes, asociada ao Instituto de España, é unha corporación oficial con funcións consultivas e asesoras. Desde 2018, vén colaborando co Parlamento na investigación e conservación da colección artística da institución, indica o comunicado. O Pazo do Hórreo conta cun amplo patrimonio artístico, que non só pode ser contemplado no edificio que acolle ao Parlamento, senón a través de exposicións temporais noutros puntos da comunidade. Como exemplo, a mostra de 230 debuxos do viñetista Siro López, publicados en La Voz de Galicia, e que pode visitarse na sede da Afundación da Coruña ata o día 15 de marzo.
Precisamente Afundación-Obra Social Abanca e a outra institución que será premiada este ano coa Medalla do Parlamento. «Comparte co lexislativo galego o obxectivo de difundir a arte e a cultura», unha colaboración que se materializou na organización de exposicións, o intercambio de pezas e a realización de estudos sobre os fondos artísticos de ambas entidades.
O historiador Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e expresidente do Consello da Cultura Galega, tamén será distinguido pola súa implicación en iniciativas de divulgación da historia de Galicia. Entre elas, a comisaría da exposición O poder da palabra, organizada no marco do 40 aniversario do Parlamento, e a realización de estudos como Os tempos son chegados. Balance da Galicia autonómica ou a edición crítica do Sempre en Galiza, de Castelao.
A Medalla do Parlamento de Galicia entregarase este ano o 5 de abril, coincidindo co aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía. Esta data adiántase un día respecto ao habitual, por cadrar o 6 de abril en domingo. O ano pasado, igual que no 2020, a medalla non foi concedida debido á disolución do Parlamento e á coincidencia co inicio da nova lexislatura.
Desde a súa primeira edición, a Cámara recoñeceu con esta distinción a diversas entidades e figuras destacadas. Entre os premiados en anos anteriores figuran os expresidentes do Parlamento (2016), a Comisión dos 16 (os autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, no 2017), Cáritas, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS (2018) e a emigración galega (2019). Máis recentemente, galardoáronse as fundacións da Xeración Nós (2021), as institucións estatutarias (2022) e a cooperación transfronteiriza con Portugal (2023).